Desde este mes pódense ler as historias de Planeta Mincha Xeográfico, a nova serie de bd do noso socio Manel Cráneo, que ve a luz no magazine cultural CAÑA, de difusión gratuita para toda Galicia. A serie pretende ser unha especie de National Geographic dun planeta creado polo autor na que poderemos ir descubrindo especies, costumes, lugares e outras curiosidades do lugar.
Pero isto non fica aí, a serie ten un complemento: http://planetamincha.blogspot.com, un espazo virtual organizado polo Ministerio de Ciencia Mincha e que promete ser un reclamo máis para os lectores da serie e un sitio con vida propia onde terán cabida materiais e formatos que o autor non pode encaixar no formato cómic, como por exemplo músicas étnicas de diferentes zonas do planeta, artígos de investigación e películas publicitarias do Ministerio de Ciencia Mincha, entrevistas a personaxes que vaian aparecendo nas historietas, e outras curiosidades. “A idea e ofrecer outras posibilidades de achegarse a ese mundo que vaian máis alá dunha simple serie de cómic e poder traballar con outros formatos que me interesan particularmente como a música, a ilustración ou pequenos experimentos audiovisuais” comenta o autor “…e así darlle unha volta ao concepto habitual de bd e intentar dar un paso máis creando algo como mínimo diferente dentro do que entendemos como serie de bd”.
Segundo comenta Cráneo, a serie Planeta Mincha Xeográfico non é máis que un avance doutro tipo de historias ambientadas neste planeta e noutros formatos, que lle gustaría poder desarrollar nalgún momento: “espero que isto sexa a punta dun iceberg que espero sacar a flote se cadran ben as cousas, de feito desde que se me ocurriu isto ata agora, pasaron xa sete anos.”
As influencias deste proxecto son moi diversas pero sobre todo da cultura da ciencia ficción e a fantasía, de feito haberá referencias bastante evidentes a clásicos do xénero. Polo de agora pódese seguir a serie Planeta Mincha Xeográfico na revista Caña onde ademaís aparecerán publicadas tiras de humor de Alberto Guitián e unha sección de crítica de banda deseñada escrita por Henrique Torreiro, tamén socios da AGPI.