Preséntase o programa do VIII Encontro Galego de Ilustración

O derradeiro sábado do mes de outubro, como vén sendo tradicional, a AGPI organiza en Santiago de Compostela o Encontro Galego de Ilustración, unha cita fundamental para os profesionais, aberta ademais a todo o público interesado.

Esta edición, a oitava, decorrerá o sábado 29 de outubro, no salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), e contará coa presenza de diversas voces autorizadas que nos darán as súas visións, máis interesantes, se couber, no complexo panorama que nos toca vivir.

A parte matutina do programa —como é habitual, de portas abertas— comezará ás 10:15 cunha charla a cargo de Gemma Cortabitarte, xerente da APIC (Associació Professional d’Il·lustradors de Catalunya), que falará sobre «A ilustración ante os novos tempos da profesión».

Despois dun descanso para os asistentes, ás 11:45 a charla será a dúas voces: baixo o título «Entre dous: a obra conxunta», os autores Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas falarán do proceso creativo conxunto entre escritor e ilustrador desde a experiencia dun tándem que ten publicado numerosos libros ilustrados.

Pechará a mañá a mesa redonda «Como convivir cos medios dixitais?», na que participarán Manuel Gago (director de Culturagalega.org e profesor de Ciberxornalismo na USC) e Manuel Bragado (presidente da AGE e director de Edicións Xerais), que analizarán a situación actual perante os novos camiños abertos polos medios dixitais, e de que xeito afecta esta aos autores; moderará Henrique Torreiro, xerente de FADIP. Esta actividade enmárcase dentro do programa «Os retos da era dixital», patrocinado polo Ministerio de Cultura.

A iso das 14:15, terá lugar o tradicional fotomatón —a foto de familia de todos e todas os presentes no Encontro— na praza da Quintana, e logo, xa só para socios inscritos previamente, o non menos tradicional «xantar de confraternización» no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro 16, 15703 Santiago de Compostela).

Despois da sobremesa, ás 17:30, será o momento (novamente no salón da Fundación Novacaixagalicia) da Asemblea xeral da AGPI, reservada tamén só aos socios.

Pode accederse a todos os detalles do programa aquí.

Compartir