Transcribimos a
continuación as recomendacións que fixo públicas o Observatorio da
Ilustración Gráfica, o pasado día 2, en relación co libro
dixital:
«A Comisión de
Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, ante a problemática
que
comeza a representar o libro dixital no que respecta a dereitos e
condicións
para o autor, e considerando a disparidade de criterios que se están a
dar no
panorama, tremendamente cambiante, decidiu comunicar publicamente as
seguintes
recomendacións, que se verán complementadas cun breve estudo ao respecto
no
próximo Informe do Observatorio. Por esta razón recomendamos:
• Non asinar ningunha
cláusula relativa á versión dixital dun libro mentres as condicións
xerais deste
novo mercado non estean claras; pode ser unha solución (polo menos se a
ilustración constitúe unha parte predominante na obra) estipular no
contrato
que a editorial do libro analóxico teña unha opción de preferencia para a
edición dixital só no caso de que esta iguale as ofertas de terceiros.
• Se estas opcións
non fosen posibles, esixir no relativo á edición dixital unha porcentaxe
para os
autores nunca menor do 20-25% do PVP sen IVE (outras fórmulas posibles
para o
cálculo da porcentaxe resultan inxustas ou confusas), e que todas as
cláusulas
relativas a esta versión dixital teñan unha vixencia de só un ou dous
anos, de
forma que se poidan revisar as condicións unha vez pasado ese prazo.
Lamentablemente,
moitos contratos asinados nos últimos anos viñeron incluíndo xa entre as
súas
condicións a cesión dos dereitos para a versión dixital, mais animamos
os
ilustradores a prestaren atención a estes detalles nos novos documentos
que asinen,
e a non aceptaren neles ningún tipo de cláusulas que impliquen ceder
dereitos
para soportes distintos aos da edición en papel. A lei ampáraos e esixe a
realización de contratos separados para garantir unhas condicións xustas
para
cada un deses soportes. En caso de dúbida, animámolos a pórse en
contacto coas
asociacións profesionais para recibiren asesoramento.»