Terra Libre, de Fran Jaraba

O noso socio Fran Jaraba, ven de presentar no Salón Viñetas do Atlántico, o seu libro Terra libre, editado por Xerais. Terra libre é, tras Cita na Habana e Campos de Cuba, a terceira entrega da serie de álbums, protagonizada por Maxi Torres, nas que se narran os acontecementos do alzamento independentista cubano de 1897. Esta serie constitúe un dos cumes do cómic galego de liña clara.

Na presentación Fran Jaraba afirmou atoparse un pouco baleiro, case coa sensación de “depresión posparto” tras dez anos traballando nesta triloxía, e “ameazou con empezar un novo proxecto para matar ese virus do cómic que leva dentro”. Afirmou “non haber unha sensación igual á de sentarse na mesa de traballo e empezar a crear mundos”, polo que seguramente en breve verémolo sumerxido noutro apaixoante proxecto en historieta.

Nós xa o agradamos impacientes

sinopse de Terra Libre:

Cuba, 1897. A illa vive sumida nunha crúa guerra entre as tropas independentistas -os “mambises”- e o exército colonial. A poboación campesiña sofre especialmente a dureza do conflito. Por orde do mando militar español é desaloxada das súas casas e evacuadas ás cidades, ou internada nos chamados “poboados de reconcentración” baixo a vixilancia e o control do exército.

Un destes poboados, Cañas Largas, é peza clave para que Chinito, un líder mambí, consiga liberar un amplo territorio, proclamando así a primeira República independente cubana. Ao mesmo tempo, un tenente norteamericano, camuflado de naturalista, é desembarcado na costa sur da illa coa misión de entregarlle unha carta na man ao xeneral mambí Calixto García. Na misiva, o Goberno estadounidense ofrécelle a axuda das súas tropas para derrotar conxuntamente o exército español.

Pero a este intrépido oficial non lle vai vai resultar doado chegar ata García. No seu camiño curzaranse Chinito, Gargajo, a Garda Civil, Pepesito e, sobre todo, Maxi Torres.

Compartir