Descargar o programa en PDF (461 KB)
Programación
Venres 28 de setembro
Unitaria | Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela
18:00 Obradoiro de ilustración con Miguel Gallardo: «Eu non sei debuxar»
Prazas limitadas. Inscrición: 15 euros (para socios da AGPI: 5 euros)
Inscricións ata esgotar as prazas. Accede aquí ao formulario de inscrición.
21:00 Ilustranoite
Entrada libre e gratuíta
Micropresentacións de proxectos de ilustración nun ambiente desenfadado.
Sábado 29 de setembro
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
Entrada libre e gratuíta
Xornada presentada pola ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito)
Mañá
10:45 Presentación
11:00 Charla con Ana Galvañ: «Polo menos tes traballo»
12:00 Pausa café
12:30 Charla con Juan Díaz-Faes: «San “Quehago” de Compostela»
Tarde
17:00 panel de experiencias: «Ilustración e industria téxtil en Galicia»
Con Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos.
19:00 Charla con Miguel Gallardo: «DEBUXANDO PARA MARÍA»
Noite
Camalea | Praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela
Entrada libre e gratuíta
23:00 Festa de FIN DE Encontro: Sesión DJ Ilustrada
Sesión DJ a cargo de Bluemouse + proxeccións de debuxo en directo.
Máis detalles, a continuación
15 edicións do Encontro
Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.
Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez, Xosé Vizoso…
O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de institucións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…
Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e dos amantes da ilustración gráfica.
Charlas
Sábado 29, entrada libre e gratuíta
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
11:00
ANA GALVAÑ: «POLO MENOS TES TRABALLO»
Ana Galvañ (Murcia, 1975). Autora de cómics e ilustradora. Tras estudar Belas Artes en Valencia estableceuse en Madrid. En 2010 recibiu o Premio especial do xurado no III Certamen Creacómic, e en 2016 recibiu un dos dez premios Gráffica. As súas historias teñen aparecido en editoriais como Fantagraphics, Nobrow, Ultrarradio, Vertigo DC, Off Life, Autsáider, Apa-Apa e Fosfatina. O seu libro Pulse enter para continuar (Apa Apa Cómics, 2018) terá proximamente edición en inglés en Fantagraphics. Ten colaborado con publicacións como Wired, S Moda ou Diagonal, e realizou campañas para clientes como Perrier, Mahou, Lonely Planet, Unicef ou Ayuda en Acción. Tamén realizou carteis e campañas para eventos para Matadero Madrid, TruenoRayo Fest ou Graf.
12:30
JUAN DÍAZ-FAES: «SAN “QUEHAGO” DE COMPOSTELA»
Juan Díaz-Faes (Oviedo, 1982). Ilustrador en innumerables soportes, ten entre as súas especializacións o deseño de estampados (como o preparado para os traxes de baño do Club Natación Ciudad de Oviedo). Colabora con revistas como Yorokobu ou Ling, e entre os seus clientes figuran marcas como Coca-Cola, Vodafone ou Ikea. É coautor do libro Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), e dos volumes publicados por Yorokubu Escacatológico, Cromaticaca, Era tan suave… (con José Luis Moro) e Cien pelis para ver y darle al coco (con Borja Crespo). Ademais, é profesor para organizacións como o IED ou Domestika.
19:00
MIGUEL GALLARDO: «DEBUXANDO PARA MARÍA»
Miguel Gallardo (Lleida, 1955). Ilustrador e historietista. Colabora como ilustrador en La Vanguardia, Herald Tribune, New Yorker, El País e New York Times, entre outros medios. Foi membro fundador en 1979 da revista El Víbora, e na súa carreira como autor de cómic ten publicado numerosos álbums, con series como Makoki ou Buitre Buitaker, e historias independentes como Un largo silencio ou Tres viajes. Con Victoria Bermejo publicou Cuentos para contar en un minuto e Me acabo de separar; con Àngels Ponce é coautor de ¿Qué le pasa a este niño? Ten traballado ademais para campañas publicitarias de marcas como Evax, Cerveza San Miguel, Estrella Galicia ou BMW, e ten deseñado varias pezas de animación para televisión e publicidade. É gañador de dous premios do Salón do Cómic de Barcelona, ademais do Gran Premio por toda a súa traxectoria (2014), e dous premios da Society of Newspaper Design. En 2008 obtivo o Premi Nacional de Cultura al Còmic (Generalitat de Catalunya) polo seu libro María y yo, acerca da súa filla con autismo. O libro foi adaptado posteriormente ao cinema no filme do mesmo título, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años. Entre 2011 e 2015 foi presidente da APIC.
Panel de experiencias
«ILUSTRACIÓN E INDUSTRIA TÉXTIL EN GALICIA»
Sábado 29, 17:00, entrada libre e gratuíta
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
A ilustración de moda e téxtil acadou un importante auxe nas últimas décadas. Nesta charla coñeceremos as experiencias creativas e profesionais de tres creadores galegos vinculados á industria da moda, un sector cunha forte presenza en Galicia.
Pilar Marcó
Licenciada en Belas Artes na Universidade de Vigo, especializada en Ilustración na Escola Massana de Barcelona e en Gravado na Limerick School of Art and Design de Irlanda. Dedícase á animación, a ilustración editorial e a ilustración téxtil. É cofundadora do estudio Domingo. En deseño téxtil ten traballado para Tommy Hilfiger, Women’Secret, Rebecca Taylor ou Zulu&Zephyr. O que máis lle interesa do deseño editorial é a autoedición. En 2013 obtivo o Premio Junceda Novos Creadores, concedido pola APIC. Actualmente forma parte do estudio XIZ da Coruña.
cargocollective.com/pilarmarco
Xurxo G. Penalta
Licenciado en Belas Artes pola facultade de Pontevedra, fixo un mestrado en estudos visuais no College of Art and Design de Minneapolis (EUA). Conseguiu bolsas de estudo das deputacións da Coruña e Pontevedra. En 2006 participou en exposicións colectivas en Galicia e na revista Barsowia. Despois comezou a traballar coas editoriais estadounidenses Marvel Comics, Dark Horse e Image. Foi director creativo de Vazva e do CAV Surfing Project de Cabreiroá.
David Pazos
Estudou deseño na Escola Pablo Picasso da Coruña. Despois de traballar no mundo da publicidade, dedicouse á posprodución audiovisual. Entrou a traballar en Zara (Inditex) como deseñador gráfico e deseñador téxtil para camisetas e prenda de algodón de home. Viviu en Shanghai (China), para o control de produción e a busca de provedores para Zara. En 2011 volveu a Inditex como deseñador no departamento de Zara Kids. Agora traballa como freelance, con diferentes clientes en diversos sectores do deseño.
Obradoiro con Miguel Gallardo:
«Eu non sei debuxar»
Venres 28, 18:00-20:00, con inscrición previa
Unitaria | Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela
O debuxo é unha ferramenta básica na ilustración, pero tamén é unha linguaxe poderosa ao alcance de calquera persoa. Neste obradoiro práctico, Gallardo convídanos a cuestionarnos (e a comprobar) ata que punto precisamos «saber debuxar» para expresarnos e comunicar ideas de xeito sinxelo e eficaz.
Prazas limitadas. Inscrición: 15 euros (para socios da AGPI: 5 euros)
Inscricións ata esgotar as prazas. Accede aquí ao formulario de inscrición.
Ilustranoite
Venres 28, 21:00-22:30, entrada libre e gratuíta
Unitaria | Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela
Micropresentacións de proxectos de ilustración nun ambiente desenfadado. Participan:
Maru Astray
Víctor Boullón
Nuria Díaz
Tomás Guerrero
Komorebi
María Lapido
Miss Hope
Ness
Venditti
Dani Xove
Festa fin de Encontro
Sesión DJ ilustrada
Sábado 29, 23:00, entrada libre e gratuíta
Camalea | Praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela
Unha jam gráfica/musical con Bluemouse aos pratos e proxeccións de debuxo en vivo (de Manel Cráneo, Alberto Guitián, Dani Xove, Komorebi, Venditti, Leandro Barea e máis ilustradores convidados).
15 Encontro Galego de Ilustración
Venres 28 e sábado 29 de setembro de 2018
Santiago de Compostela | Auditorio de Galicia + Unitaria
Equipo técnico:
- Dirección: Manel Cráneo
- Secretaría técnica e produción: Alberto Guitián, Henrique Torreiro, 7Hcoop
- Deseño gráfico: Julio Marta
- Ilustración do cartel: Juan Díaz-Faes