PROGRAMACIÓN


Sábado 19 de novembro

Aula 9 do Centro ÁGORA

 

10:00 | Presentación AO cargo de laura romero

 

10:05 – 11:30 | FALADOIRO CON SOCIOS DE HONRA

FRAN JARABA e MARINA SEOANE

 

11:30 – 12:00 | PAusa café

 

12:00 – 13:15 | Charla de María Viñas

“DE BBAA Á ILUSTRACIÓN CIENTÍFICA”

 

13:15 – 14:30 | Charla de José DOMINGO

“O LAPIS É UNHA NAVALLA SUÍZA”

 

17:00 – 18:30 | OBRADOIRO de Isabel Méndez

“NEGOCIAR CON ARTE”

Prazas limitadas. Inscrición: 10 euros (para socios da AGPI: 3 euros)
Accede aquí ao formulario de inscrición

 
O Encontro será presentado por Neves Rodríguez

Todas as actividades desenvolveranse na Aula 9 do Centro Ágora (Avenida Gramela 17)

 


19 Encontro Galego de Ilustración

A AGPI prepara unha nova edición do Encontro Galego da Ilustración, a número 19, xa moi preto a celebrar as dúas décadas do evento.
 
As novidades deste ano son a volta á presencialidade, despois de dúas edicións en liña, e un cambio de localización do Encontro á cidade da Coruña, apostando por facer que o evento sexa viaxeiro e mude de localización cada ano.
 
No tocante ás charlas, este ano comezaremos o Encontro cun faladoiro no que homenaxearemos a dous pesos pesados da ilustración que pasan a ser socios de honra da AGPI: Fran Jaraba e Marina Seoane. A continuación María Viñas falaranos da súa experiencia como debuxante en xeral, e concretamente como ilustradora científica, campo no que se especializou. Pechamos a sesión da mañá coa intervención de José Domingo, debuxante multitarefa que fará un repaso da súa traxectoria como “home orquestra” da profesión. Na sesión da tarde contaremos cun obradoiro práctico impartido por Isabel Méndez, avogada especializada en dereitos de autoría, que tratará sobre como abordar a negociación de contratos artísticos.
 
Queremos convidar a todos aqueles que gozan coa Ilustración a vernos de novo as caras neste 19º Encontro AGPI.
 

 

CHARLAS


10:05 – 11:30 | FALADOIRO CON FRAN JARABA E MARINA SEOANE

Un acto de homenaxe a dous referentes da AGPI, e un percorrido pola traxectoria de dous debuxantes de calado, cunha ampla e variada experiencia en distintos eidos da ilustración e creatividade.

 

12:00 – 13:15 | “DE BBAA Á ILUSTRACIÓN CIENTÍFICA”

Por María Viñas | mariaviñas.com

A charla fai un percorrido pola traxectoria profesional da artista, amosando a súa faceta de ilustradora en xeral, e afondando na súa especialidade: a ilustración médica e científica.

 

13:15 – 14:30 | “O LAPIS É UNHA NAVALLA SUÍZA”

Por José Domingo | itsdomingo.com

José Domingo fará un repaso pola súa traxectoria profesional ata o día de hoxe facendo especial énfase na gran variedade de campos nos que ten desenrolado o seu traballo e tratando de sacar algunhas conclusións sobre que é o que fai que un lapis sexa unha navalla suíza.

 

17:00 – 18:30 | OBRADOIRO “NEGOCIAR CON ARTE”

Por Isabel Méndezfirmadopor.com

O obxectivo do obradoiro é adquirir e refrescar os coñecementos básicos en dereitos de autoría e como aplicalos e poñelos en contexto e valor á hora de negociar as condicións dos nosos contratos de cesión de dereitos e/ou prestación de servizos profesionais.

A actividade desenvolverase en dúas partes: teoría e práctica. Na primeira parte, a teórica, daranse as nocións referentes a dereitos de autoría que son relevantes para este taller e poñeranse en relación coas técnicas de negociación a fin de obter ferramentas útiles que aplicar nas súas negociacións como profesionais.
Na segunda parte, a práctica, desenvolverase un exercicio por parellas onde abordaremos e implementaremos de forma dinámica o aprendido na parte teórica, incorporando os aspectos psicolóxicos e comunicativos do proceso de negociación.

 

PARTICIPANTES


FRAN JARABA

Fran Jaraba (1957) ilustrou o seu primeiro libro en 1981 e desde entón fixo máis de setenta para moitas editoriais, de Galicia e de fóra. Foi un dos impulsores de Xofre (1979), unha das publicacións pioneiras do cómic en Galicia. No 2000 publicou Cita na Habana, ao que seguiron Campos de Cuba (2004), Terra libre (2008) e  División azul (2013). Exerce a docencia como profesor no IES do Castro de Vigo, impartindo clases de Educación Plástica en Secundaria e de Debuxo técnico en Bacharelato.

 

MARINA SEOANE

marinaseoane.com

Marina Seoane é licenciada en escultura pola facultade de Belas Artes de Madrid. Comezou a súa traxectoria profesional como ilustradora en 1980. Colaborou con máis de corenta editoriais españolas e estranxeiras, estudos de deseño e organismos oficiais. Ten publicados ao redor de 100 títulos de conto e novela e 200 obras entre libros de texto, carteis, publicidade, etc. Así mesmo escribiu varios contos que foron publicados nas editoriais Anaya, Bruno, San Pablo e Edimáter. Outras facetas artísticas súas son a realización de esculturas, tapices e marionetas. Actualmente combina a súa profesión de ilustradora coa de artesá.

.

MARÍA VIÑAS

mariaviñas.com

María Viñas é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Ao rematar os seus estudios trasladouse a Barcelona, onde comezou a súa carreira como ilustradora médica e científica. Traballou para diferentes profesionais médicos, editoriais e farmacéuticas nacionais e internacionais. Ademais, exerceu como profesora de debuxo dentro do programa Consortium for Avances Studies in Barcelona, unha iniciativa de colaboración desenvolvida por dez universidades de gran prestixio.

 

JOSÉ DOMINGO

 itsdomingo.com

José Domingo é debuxante, así a secas. Ó longo de máis anos dos que el mesmo cre, ten aplicado un cerebro externo coñecido como “lapis” a numerosos encargos e tarefas de diferente calibre e pelaxe dende localidades coma Coruña, Malta, Barcelona e Mérida: películas de animación 2D y 3D premiadas coma “Psiconautas” e “Unicorn Wars”, cómics, discos coma “Polvo de Battiato” de Ángel Stanich, cubertas de libros, publicidade para entidades como Kutxabank, revistas como Yorokobu, Increment o Babelia, carteis e videoxogos. Ten publicados 5 libros de cómic, entre eles “Aventuras de un Oficinista Japonés” que lle valeu o premio del Salón de Barcelona a mellor obra nacional e un nomeamento ós premios Eisner.

 

ISABEL MÉNDEZ

firmadopor.com

Isabel Méndez é avogada e consultora especializada en propiedade intelectual. A través da súa consultoría, Firmado por, axuda a creadores, editoriais e empresas a xestionar e protexer o seu ben máis prezado, a propiedade intelectual das súas obras. Firmado Por naceu da vontade de axuntar os seus coñecementos e experiencia xurídica con aquilo que máis lle gusta e coñece de primeira man, a creación e as súas vicisitudes.

 

NEVES RODRÍGUEZ

wikipedia.org/wiki/Neves_Rodríguez

Actriz e presentadora, ten participado en diversas series de televisión e en obras de teatro como Invisibles (Redrum Teatro, 2018). Obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora en 2018 polo seu traballo no programa Vaia troula!

Entre 2014 e 2018 conduciu o programa radiofónico Metrópoles delirantes, dedicado á banda deseñada.

 

 

 

Equipo técnico: Bernal Prieto, Sergio Covelo, Augusto Metztli e Elerre
Redes sociais: Iria Ribadomar