PROGRAMACIÓN

Sábado 20 de novembro

10:20 | Presentación

 

10:30 – 11:00 | Homenaxe a

CALROS SILVAR

 

11:10 – 12:40 | Charla de LOREMI LINES

“DE INDIE A AAA.
O TRABALLO DO ARTISTA 2D NOS VIDEOXOGOS”

 

12:50 – 14:20 | Charla de RODRIGO ZAYAS

“VIVIR DEBUXANDO OU MORRER TENTÁNDOO”

 

16:00 – 17:30 | Taller de Isabel Méndez

“COMO LIDIAR CUN CONTRATO DE EDICIÓN
SEN QUE SE CHE FAGA BOLA”

 
O Encontro será presentado por Neves Rodríguez

 

Descargar o programa en PDF

18 Encontro Galego de Ilustración

Videoxogos, tatuaxe, debuxo e publicidade, arte e márketing, animación 3D… Para esta décimo oitava cita buscamos pura experiencia das marxes. E é que alén do mundo editorial tradicional, a ilustración e o deseño gráfico teñen mil caras. Con este novo Encontro Galego da Ilustración, despegamos do papel unha vez máis para lanzarnos a descubrir as aplicacións das artes gráficas nos novos formatos.

Comezaremos o percorrido co galego Calros Silvar e os seus 40 anos de experiencia profesional ás costas. Ilustrador editorial, caricaturista e humorista gráfico, teremos ocasión de charlar con el en primeira persoa. Sen dúbida, unha conversa para non perder.

Loremi Lines tomará o relevo cun percorrido transdisciplinar do deseño gráfico ao videoxogo. A artista viguesa achegará, entre outras moitas claves, o seu coñecemento sobre como crear imaxes de impacto para o márketing de videoxogos ou como artellar un portfolio atractivo para enviar a empresas do sector.

Rodrigo Zayas, quen vén de traballar para Netflix, HBO ou Marvel cómics, e con directores de culto coma Alejandro Amenábar ou Juan Carlos Fresnadillo, poñerá o foco na versatilidade, coma ferramenta para facer da ilustración un medio de vida.

O broche final deste Encontro será cousa de Isabel Méndez, avogada especializada en propiedade intelectual, que vén disposta a darlle un xiro de 180 grados á vosa visión sobre os contratos de edición. Non perdades este obradoiro con todas as claves para saber como negocialos.

Unha gran ocasión para gozar da ilustración en todos os seus formatos posibles.

 

FORMATO VIRTUAL

As charlas emitiranse en directo e en aberto, e poderán verse na web do Encontro ou a través da canle de YouTube e da conta de Facebook da AGPI. As charlas quedarán rexistradas na canle da AGPI, pero o taller da tarde só poderá verse en directo.

 

Participación do público

O público poderá participar con preguntas por escrito, que serán formuladas pola presentadora ao final das charlas.

 

CHARLAS

10:30 – 11:00 | “HOMENAXE A CALROS SILVAR”

Con Calros Silvar | behance.net/calrossilvar

Percorreremos os máis de 40 anos de traxectoria do ilustrador editorial, caricaturista e humorista gráfico galego Calros Silvar e mais teremos ocasión de conversar con el en primeira persoa.

 

11:10 – 12:40 | “DE INDIE A AAA. O TRABALLO DO ARTISTA 2D NOS VIDEOXOGOS”

Por Loremi Lines | instagram.com/loremiartsandcrafts

Un percorrido transdisciplinar do deseño gráfico ao videoxogo, da man de Loremi, artista de marketing en Riders Republic – Ubisoft Annecy. A artista viguesa achegará, entre outras moitas claves, o seu coñecemento sobre como crear imaxes de impacto para o márketing de videoxogos ou como artellar un portfolio atractivo para enviar a empresas do sector.

 

12:50 – 14:20 | “VIVIR DEBUXANDO OU MORRER TENTÁNDOO”

Por Rodrigo Zayas | zayasartist.com

Converter a ilustración nun medio de vida require empregar a versatilidade coma ferramenta. Rodrigo Zayas falará de como enfocar unha carreira profesional no sector da ilustración no curto e no longo prazo.

 

16:00 – 17:30 | “COMO LIDIAR CUN CONTRATO DE EDICIÓN SEN QUE SE CHE FAGA BOLA”

Por Isabel Méndezfirmadopor.com

Non sabes por onde comezar a revisar un contrato de edición? Nin idea de que deben incluír coma contido mínimo? Prefires firmalos sen lelos e dedicarte a crear? Entón este obradoiro é para ti! Non importa que acabes de chegar á profesión ou que xa esteas no cumio: a túa visión sobre os contratos de edición dará un xiro de 180 grados!

 

PARTICIPANTES

CALROS SILVAR

behance.net/calrossilvar

Calros Silvar é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Iniciouse como ilustrador editorial, caricaturista e humorista gráfico, exercendo dende 1978 ata o 2000, especialmente na revista Crash e no semanario A Nosa Terra. Foi deseñador de produto nas Cerámicas do Castro (Grupo Sargadelos) entre 1981 e 2010 e ilustrador en Baía Edicións dende 2004 ata 2013.

Mantívose como ilustrador independente ata o seu “pase á reserva”, no 2019.

LOREMI LINES

 instagram.com/loremiartsandcrafts

Loremi Lines naceu en Vigo no 1986. Tras rematar o Ciclo Superior de Gráfica Publicitaria na Escuela Aula D de Vigo no 2006, continuou a súa formación coma ilustradora de maneira autodidacta. Comezou a súa carreira coma deseñadora gráfica ás ordes do tatuador Miguel Wom en Vigo, de aí deu o salto a un estudo de videoxogos indie, o Moonbite, en Santiago de Compostela e, posteriormente, instalouse en Múnich para colaborar coa publicadora de videoxogos Deep Silver. A aventura europea continuou en Francia, onde se desenvolveu coma artista freelance nos eidos da ilustración e do deseño gráfico. Na actualidade, dende 2018 e con máis de 10 anos ás costas como artista 2D en videoxogos, traballa na empresa francesa Ubisoft coma artista de márketing.

RODRIGO ZAYAS

zayasartist.com

Rodrigo Zayas naceu en Madrid no 1985. É diplomado en deseño de produción e direción de arte na E.C.A.M. (Escuela de cine y audiovisual de Madrid). Comezou a traballar no sector audiovisual aos 21 anos en departamentos de arte para cine, coma debuxante de storyboard para publicidade. Nesa época comenzou tamén a realizar as primeiras probas de cómic para o mercado editorial americano. Traballou en producións para case todas as plataformas audiovisuais (Netflix, HBO, Prime), así coma con directores de primeiro nivel como Alejando Amenábar ou Juan Carlos Fresnadillo. A súa vez, colaborou con editoriais coma Marvel cómics e Image/Top Cow.

ISABEL MÉNDEZ

firmadopor.com

Isabel Méndez é avogada e consultora especializada en propiedade intelectual. A través da súa consultoría, Firmado por, axuda a creadores, editoriais e empresas a xestionar e protexer o seu ben máis prezado, a propiedade intelectual das súas obras. Firmado Por naceu da vontade de axuntar os seus coñecementos e experiencia xurídica con aquilo que máis lle gusta e coñece de primeira man, a creación e as súas vicisitudes.

NEVES RODRÍGUEZ

aaag.gal/catalogo/nieves-rodriguez

Actriz e presentadora, ten participado en diversas series de televisión e en obras de teatro como Invisibles (Redrum Teatro, 2018). Obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora en 2018 polo seu traballo no programa Vaia troula! Entre 2014 e 2018 conduciu o programa radiofónico Metrópoles delirantes, dedicado á banda deseñada.

Equipo técnico: Bernal Prieto e Nerea Pallares