Hoxe comeza Viñetas desde o Atlántico

O festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que cada mes de agosto decorre na Coruña, dá comezo esta tarde ao seu programa de exposicións e conferencias, e durará ata o próximo domingo, día 11.

Como vén sendo tradicional, a AGPI ten unha caseta na feira do cómic («Rúa da BD») e organiza actividades dentro do programa do festival.

Ademais do programa principal, haberá actividades paralelas: dalgunhas delas xa demos conta aquí, e outras están distribuídas por distintos barrios da cidade. Así, nos centros Ágora (rúa Ágora s/n, 15010 A Coruña) e Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos 1, 15006 A Coruña) terán lugar distintos obradoiros para os campamentos municipais de verán, a cargo de ilustradores, case todos eles socios da AGPI. Así, Jano dirixirá o titulado «Introdución á banda deseñada con tour pola biblioteca»; Luis Sendón, pola súa parte, «Como facer historias e personaxes de ciencia-ficción»; José Domingo, «Como facer historias e personaxes de aventuras»; Yago Rodríguez, «Como crear personaxes antropomórficos»; Nuria Díaz, «Personaxes colgantes»; Alberto Pelorroto, o obradoiro titulado «Cocínate un cómic»; e finalmente Pablo Otero, o taller «Como facer historias e personaxes de fantasía». Todos eles participan ademais na exposición 8 × 4 ilustrando, que se pode visitar no centro Ágora entre o 1 e o 15 de agosto; a mostra inclúe catro obras de cada un deles.

Finalmente, no propio centro Ágora desenvolverase entre mañá e o xoves día 8 o taller «Laboratorio creativo de cómic», dirixido por Henrique Torreiro, e durante toda a semana Jacobo Fernández Serrano pintará un mural de banda deseñada na rúa Pontejos da cidade herculina. Alén diso, o ilustrador Jorge Peral dirixirá tamén un obradoiro para nenos durante os descansos das actuacións de Os Superheroes, a banda oficial de rock do Viñetas, cada día entre 19:00 e as 21:00 h nunha zona distinta da cidade.

A rede de bibliotecas públicas municipais desenvolve máis actividades relacionadas coa BD —algunhas delas tamén con socios nosos, como Manel Cráneo, David Rubín ou Santy Gutiérrez— ao logo de todo o mes.

Compartir