Price It Right é unha campaña coordinada polo European Illustrators Forum (EIF) que pretende concienciar e apoiar os profesionais da ilustración e os seus clientes á hora de negociar o seu traballo e poñerlle prezo. Sabemos que unha negociación é eficaz cando está clara a forma de poñer prezo e hai claridade nas tarifas. É algo beneficioso para ambas as partes, ilustradores e clientes.

 

Por que é necesaria esta campaña?

Para sentir seguridade á hora de poñer prezo. O traballo de ilustración ten unha estrutura lóxica de tarifas, na que os clientes pagan polo que realmente queren (e non polo que non necesitan) a través dunha licenza. É un sistema sinxelo, pero que debe ser claro. Recoñecemos que moitos ilustradores e clientes non sempre se senten seguros ao poñer prezo aos encargos.

Para valorar correctamente o traballo do ilustrador. Moitas veces, fanse suposicións sobre usos permitidos dunha ilustración que non están reflectidos na tarifa que se ofrece. Isto pode facer que se desvalorice a ilustración e que se ignore o modelo de licenzas.

Para seguir facendo sostible a actividade. A negociación sempre forma parte do proceso de establecemento do prezo xusto, pero esa negociación debe realizarse con información e claridade acerca dos motivos dese prezo. O prezo de calquera traballo debe seguir criterios estándar relativos ao uso dunha ilustración, a duración da licenza e o territorio que cobre esa licenza de uso.

 

Que busca conseguir a campaña?

  • Negociacións claras e transparentes.
  • Que se manteña o valor da ilustración.
  • Unha maior seguridade e un maior entendemento da forma de poñer prezo aos encargos.

 

Como podo participar?

1. Comparte a campaña

Ilustradores e clientes poden descargar o logotipo da campaña para anunciar que están a favor dun prezo transparente e xusto en todos os proxectos. Descarga aquí as imaxes da campaña.

 

2. Comparte as túas experiencias

Comparte as túas experiencias de negociación de prezos co cancelo #PriceItRight e forma parte do movemento do pago xusto.

«Ás veces os ilustradores, por non perderen un encargo, collen o traballo sexan cales sexan as condicións e sen negociar, e iso non puede ser; eu teño a experiencia de que hai que negociar e teño unha porcentaxe de éxitos moito máis alta que de fracasos; non pasa nada, nin te van colgar o teléfono.»

Miguel Cerro

«Un cliente que se nega a asinar un contrato en que se establecen as condicións de traballo e de cesión das nosas ilustracións non é un bo cliente. Un cliente que non quere pagar unha remuneración digna e xusta non é un bo cliente. Temos que reflexionar acerca das consecuencias negativas que ten traballar con persoas ou empresas que non son bos clientes.
Na miña opinión, traballar en malas condicións nunca nos permitirá poder vivir da nosa profesión e non só es prexudicial para a nosa carreira e a nosa reputación como profesionais, senón que también prexudica gravemente a nosa profesión e a outros compañeiros que tentan loitar coa súa maneira de traballar contra as malas prácticas.»

Mar Hernández ‘Malota’

«Nos tempos das pesetas, encargáronme un cartel para un salón do libro que se celebraba todos os anos. Eu coñecía o debuxante que fixera o cartel do ano anterior; chameino para preguntarlle canto lle pagaran polo traballo e díxome que foran cento cincuenta mil pesetas. Esa foi a cantidade que pedín, e esa foi a cantidade que se me pagou. O ano seguinte encargáronlle o cartel a outro debuxante. Ese debuxante chamoume e preguntoume canto cobrara polo cartel. Eu díxenlle que cento cincuenta mil pesetas. A el pareceulle unha cantidade astronómica, porque, segundo me contou, tiña pensado pedir vinte mil pesetas. Despois de moito falar, decidiu pedir cen mil pesetas; un prezo, por outra parte, razoable.
Pasado un ano, encargáronlle a outro debuxante o cartel. También era amigo meu e chamoume para dicirmo, e cando lle preguntei (por curiosidade) en canto tiña presupostado o cartel, contestoume que lle ofreceran cen mil pesetas e que el aceptou sen discusión. Sen dúbida era un prezo razoable, pero…»

Xan López Domínguez

«¡Eu non traballaría gratis! Sei que os artistas, que para iso son artistas, o que queren é facer arte, contar historias. Para iso hai editores, axentes e asociacións que lles poden lembrar que “tout travail mérite salaire” (“todo traballo merece un soldo”). Clarísimo.»

Marion Duc, editora de Dibbuks


«Para min é fundamental que sobre todo a xente que comeza sexa consciente do importante que é non traballar por ‘likes’, nin ‘promos’, nin posible repercusión en redes… Así nunca conseguirás ter clientes nin que se valore a túa traxectoria. Creo que ese é o punto de inflexión. Se queres dedicarte a isto, debes ter claro que se trata de ser un profesional… Chámao ‘debuxeiro’, creativo ou comunicador, pero non ‘influencer’. Antes de enviar un orzamento pregunta TODO, sé pesado. Debes saber quen é o teu cliente e saber exactamente o uso que vai dar ao teu traballo.
Valórate e pon o teu rango alto, porque é mellor perder un choio que tirar os prezos por conseguir un encargo… Iso prexudícanos a todos como colectivo. Se realmente queren traballar contigo, volverán cando saiban que poden pagarte.»

Fernando del Hambre


«Alégranos ver como os ilustradores que se achegan á nosa editorial gozan dun gran nivel de profesionalidade e unha alta calidade artística. Todo o sector debemos estar moi orgullosos dos nosos ilustradores, promovelos e respectalos. Isto, a nivel práctico, tradúcese nunha política de contratación xusta e proporcional ao esforzo de creación que realizan.»

Cristina Feliu, editora de Timunmas

3. Participa na enquisa

Completa a seguinte enquisa. Son só 7 preguntas, a través das cales poderemos valorar como axudará esta campaña a mellorar o noso sector. Moitas grazas!
> Comezar a enquisa

Como presuposto correctamente o meu traballo?

Antes de comezar debemos deixar claro un concepto:

O ilustrador/a non vende o seu traballo, senón que cede os dereitos de reprodución.
Por este motivo, a propiedade intelectual dun traballo sempre pertencerá ao seu autor.
Un traballo/obra será cedido baixo unhas condicións concretas que deberán figurar no contrato de cesión, ou no seu defecto na factura. As características destas condicións serán, entre outras:

• Formatos en que será reproducida:
Portada, contraportada, interior, póster, audiovisual, videoxogos etc. Unha ilustración para una portada, en xeral, valerá máis que a mesma ilustración para o interior, e menos que esa mesma ilustración para un cartel.

• Ámbito xeográfico en que será reproducida.
Unha ilustración cobrarase máis cara, en xeral, se se vai distribuír a nivel nacional que a nivel local.

• Duración do tempo de cesión.
Unha ilustración cobrarase máis cara, en termos xerais, se a cesión é para 3 anos que para 3 meses.

• O ilustrador debería percibir uns beneficios proporcionais aos que xera a súa obra. Por iso debería presupostar o seu traballo en función destes tres parámetros.

• Consulta aos teus colegas de traballo.
A lexislación actual prohibe ás asociacións recomendar tarifas orientativas, así que a mellor opción para coñecer as tarifas do sector é falar cos teus colegas de traballo ou nos foros das redes sociais. Non teñas medo a preguntar e falar de prezos. Falar de prezos entre colegas de traballo é parte fundamental da profesión.

• Consulta ás asociacións de ilustradores.
Poderán orientarte sobre aspectos concretos relacionados cos criterios para poñerlle prezo ás túas ilustracións, os contratos de cesión de dereitos, cláusulas etc., aínda que non che darán cifras de prezos, ao ser algo prohibido pola lexislación.

 

Algúns recursos

Nuevo libro blanco de la Ilustración Gráfica en España
Editado por FADIP

A Guía Ninja do Ilustrador
Editada pola AGPI.

Pricing
Consellos sobre tarifas e negociación da AOI (asociación británica de ilustradores)

 

Quen está detrás desta campaña?

Esta campaña foi desenvolvida polo European Illustrators Forum (EIF). O EIF conta con 18 membros, asociacións e federacións que representan uns 12.000 ilustradores de toda Europa.

 

FADIP representa, pola súa parte, as asociacións profesionais AGPI (Galicia), APIC (Cataluña), APIM (Madrid), APIV (Valencia) e Euskal Irudigileak (País Vasco).

Imaxes da campaña a cargo de Nishant Choksi

Grazas por axudar a mellorar o sector da ilustración profesional!
#PriceItRight