Descrición do proxecto:
Oito estampas de fábula nas que poderedes recoñecer unha boa parte das especies animais que roldan polos bares a altas horas da noite. Pasade por barra, convidade a rolda de chupitos e avanzade como poidades ao seguinte garito, como feras que sodes. E non fagades trampas!
O que comezou como un traballo na EASD Antonio Faílde acabou por converterse nun modesto proxecto que presentar para o Autobán 2025 na Coruña. A propia BD pasou por un pequeno lavado de caras (correccións e reconstrucións completas) e acabou por converterse nuns doce panfletiños dunha soa grampa, feitos a man e insuflados con moito amor.
E como nunca son capaz de parar onde debo, fabriquei un stand debuxado e pintado para que o fanzine fose ben visible no posto da Praza de San Andrés. Esta estrutura está feita de cartón, folios brancos, pegamento e cinta adhesiva, con liñas de rotulador negro e cores de pintura acrílica. Quedou algo torta, pero cumpriu o seu cometido.
Autor: Jorge Pereira Vila
Categorías: + 18 , Deseño de personaxes , Humor Gráfico , Libro ilustrado , Packaging ,