Descargar o programa en PDF (952 KB)
Programación
Venres 27 de setembro
Unitaria | Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela
16:00 Obradoiro de ilustración con Javirroyo «Mapas ilustrados para amosar o mundo da túa cabeza»
Prazas limitadas. Inscrición: 15 euros (para socios da AGPI: 5 euros)
Inscricións ata esgotar as prazas. Accede aquí ao formulario de inscrición.
Sábado 28 de setembro
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
Entrada libre e gratuíta
Xornada presentada por Neves Rodríguez
Mañá
10:45 Presentación
11:00 Charla Jon Juárez (Harriorrihar): «Debuxar coma un robot, pensar coma un humano. Nesa orde»
12:15 Pausa café
12:45 Charla con Inês Silva: «Marketing e venda do traballo creativo no mercado internacional»
Tarde
16:00 Revisión de portafolios con Inês Silva e Marta Madureira
Con inscrición previa. Accede aquí ao formulario de inscrición.
17:00 Panel de experiencias + mesa redonda: «Ilustración en Portugal»
Con Marta Madureira, Cátia Vidinhas e Inês Silva.
19:00 Charla con Javirroyo: «A máquina do tempo»
Noite
Camalea | Praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela
Entrada libre e gratuíta
23:00 Festa fin de Encontro: Sesión DJ Ilustrada
Sesión do DJ Pablo Electrocute, con proxección de debuxo en directo a cargo de varios ilustradores.
Máis detalles, a continuación
16 Encontro Galego de Ilustración
Nesta edición número dezaseis, o Encontro trae de novo a Compostela unha escolma da ilustración máis interesante da Península: botamos unha ollada a autores que traballan en lugares tan diferentes como o País Vasco, Portugal ou Cataluña.
O puxante panorama da ilustración do país luso (tan próximo e ao mesmo tempo tan descoñecido en Galicia) terá especial destaque: coñeceremos non só a perspectiva dos seus creadores e creadoras, senón tamén a da prestixiosa axencia portuguesa Illustopia. Este paseo pola escena da ilustración portuguesa forma parte dunha estratexia de achegamento da AGPI á realidade do país veciño, na que xa están en marcha intercambios e colaboracións con iniciativas como o Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira.
Ademais, un obradoiro con Javirroyo, unha sesión de revisión de portafolios e unha actividade lúdica (a Sesión DJ Ilustrada) completan o programa deste ano. Coma sempre, todas as persoas interesadas na ilustración e a creatividade gráfica estades convidadas a asistir.
Charlas
Sábado 28, entrada libre e gratuíta
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
11:00
JON JUÁREZ (HARRIORRIHAR): «DEBUXAR COMA UN ROBOT, PENSAR COMA UN HUMANO. NESA ORDE»
Jon Juárez (Pamplona-Iruña, 1983) é dono dun rico universo gráfico onde a liña clara acada tons tan realistas como irreais. Tras estudar animación e modelaxe 3D en Barcelona, publicou un feixe de historias curtas de BD en diferentes revistas nacionais e internacionais, coas que gañou en 2012 o Premio Injuve de Cómic. Ten colaborado con músicos como Ángel Stanich, e traballou en producións audiovisuais como Angry Birds ou Another Day of Life, un documental de animación sobre Kapuscinski, gañador dun Goya e un EFA. En 2018, recibiu a bolsa da Maison des Auteurs de BD de Angoulême. Vén de traballar como creativo coa empresa Alpha, explorando posibilidades tecnolóxicas e deseñando futuros especulativos.
12:45
INÊS SILVA: «MARKETING E VENDA DO TRABALLO CREATIVO NO MERCADO INTERNACIONAL»
Inês Silva (Lisboa, 1973). En 2009 fundou con Carlos Praça a axencia de ilustración Illustopia, que representa máis de 50 artistas portugueses e internacionais. A axencia está centrada desde o inicio na internacionalización dos talentos que representa. Tamén fundou a axencia literaria ByRights Agency, especializada en libros infantís. En 2016 foi comisaria da exposición colectiva Portugal Ilustrado. Na súa charla, falará sobre o funcionamento das axencias de ilustración e as claves para acceder ao mercado internacional.
19:00
JAVIRROYO: «A MÁQUINA DO TEMPO»
O traballo de Javirroyo (Zaragoza, 1972) é sinónimo de enxeño, frescura e eficacia comunicativa. É o creador da BD La Cebolla Asesina. Ten colaborado en publicacións como El País, Interviú, El Semanal, Visual ou El Virus Mutante e para editoriais como Edelvives ou Santillana. É fundador e editor do blog de humor gráfico elestafador.com. Entre os seus libros destacan Martín Berasategui y David de Jorge (Penguin Random House, 2015), co que obtivo un Premio Junceda de Ilustración; La escuela (Foundawtion, 2017) e Life is Sho (Chispum, 2019). Baixo a marca Chispum comercializa vinilos ilustrados por el mesmo e outros ilustradores de renome. Na charla falará do seu punto de vista acerca de como viviu a ilustración desde que comezou.
Panel de experiencias + mesa redonda
«ILUSTRACIÓN EN PORTUGAL»
Sábado 28, 17:00, entrada libre e gratuíta
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
Despois do panel de experiencias, a cargo das ilustradoras Marta Madureira e Cátia Vidinhas, mesa redonda sobre o panorama actual da ilustración no país veciño, coas dúas ilustradoras e mais Inês Silva, da axencia Illustopia.
Marta Madureira
Marta Madureira (Porto, 1977) é deseñadora de comunicación, ilustradora e docente. Imparte ilustración na Licenciatura de Deseño Gráfico e no Mestrado de Ilustración e Animación no Politécnico do Cávado e do Ave. Foi distinguida co 1.º premio 3×3 Magazine of Contemporary Illustration en 2012 e seleccionada no catálogo White Ravens en 2016. Conta con máis de 20 libros infantís ilustrados con textos dos máis representativos escritores portugueses. É fundadora, xunto con Adélia Carvalho, da editora Tcharan.
Cátia Vidinhas
Cátia Vidinhas (Portugal, 1989) formouse no Politécnico do Cávado e do Ave e na Facultade de Belas Artes do Porto. Colaborou con diversas axencias de deseño e publicidade e co estudio de animación Bando à Parte. Publicou os álbums Os cavalos de Santiago (2012), Nadav (2012) e Figura de Urso / Haciendo el oso (2015). En 2015 recibiu o Prémio Nacional da Ilustração co libro WonderPorto, e en 2017 o premio Golden Pinwheel Young Illustrators co libro Infâncias.
A PRESENTADORA DO ENCONTRO: NEVES RODRÍGUEZ
Actriz e presentadora, ten participado en diversas series de televisión e en obras de teatro como Invisibles (Redrum Teatro, 2018). Obtivo o Premio Mestre Mateo á mellor comunicadora en 2018 polo seu traballo no programa Vaia troula! Entre 2014 e 2018 conduciu o programa radiofónico Metrópoles delirantes, dedicado á banda deseñada. aaag.gal/catalogo/nieves-rodriguez
Obradoiro con Javirroyo:
«Mapas ilustrados para amosar o mundo da túa cabeza»
Venres 27, 16:00-18:00, con inscrición previa
Unitaria | Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela
Neste obradoiro, Javirroyo amosaranos as posibilidades do debuxo de mapas ilustrados, tanto como ferramenta narrativa como para a transmisión de conceptos. Aprende a sintetizar ideas e comunicalas con ilustracións sinxelas. «Menos é máis cando queres conectar con moita xente á vez».
Prazas limitadas. Inscrición: 15 euros (para socios da AGPI: 5 euros)
Inscricións ata esgotar as prazas. Accede aquí ao formulario de inscrición.
Revisión de portafolios
con Inês Silva e Marta Madureira
Sábado 28, 16:00, con inscrición previa
Auditorio de Galicia – Sala Mozart | Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela
Sesións de dez minutos por ilustrador. Prazas limitadas. Inscricións gratuítas ata esgotar as prazas. Accede aquí ao formulario de inscrición.
Festa fin de Encontro: Sesión DJ Ilustrada
Cartel a cargo de Guitián (ver en formato grande)
Sábado 28, 00:00, entrada libre e gratuíta
Camalea | Praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela
Sesión do DJ Pablo Electrocute, con proxeccións de debuxo en directo a cargo de varios ilustradores.
16 Encontro Galego de Ilustración
Venres 27 e sábado 28 de setembro de 2019
Santiago de Compostela | Auditorio de Galicia + Unitaria
Equipo técnico:
• Dirección: Manel Cráneo
• Secretaría técnica e produción: Alberto Guitián, Henrique Torreiro,
Dani Xove
• Deseño gráfico: Julio Marta (A Casa Ateigada)
• Ilustración do cartel: Jon Juárez (Harriorrihar)
Encontros anteriores: ir á web do 15 Encontro Galego de Ilustración