A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) anuncia a presentación de O Caderno AGPI no marco do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas.
Presentan: Augusto Metztli e Chus Rojo
Data: 28 de novembro de 2025
Hora: 16:00 h
Lugar: Escenario arte, Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra)
Sobre O Caderno AGPI
O Caderno AGPI é un libro obxecto que recolle a esencia do debuxo espontáneo. Cada páxina ofrece un bosquexo realizado por un dos socios e socias da AGPI, acompañado de información de contacto das autoras e autores participantes.
Este caderno busca transmitir ao público xeral o encanto dos bosquexos, esas primeiras liñas que revelan a creatividade e a personalidade de cada artista. Máis que un simple caderno de debuxo, é unha mostra colectiva que celebra a diversidade e o talento da ilustración galega.
A presentación
O acto contará coa participación de Augusto Metztli e Chus Rojo, quen achegarán a súa visión sobre o proceso creativo e o valor dos bosquexos como ferramenta artística e comunicativa.
