Lemos na web da Deputación da Coruña a convocatoria da nova edición dos premios Castelado de Banda Deseñada:
“Co obxecto de promover a creatividade e a aparición de novos talentos entre os autores de cómic, a Deputación da Coruña convoca este ano a VI edición do premio de banda deseñada “Castelao”, no que poderán participar todos os autores que presenten narracións en banda deseñada inéditas e escritas en galego, cun máximo de dous autores por obra (un como guionista e outro como debuxante).
O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora. Ademais cos traballos orixinais recibidos, a Deputación realizará unha exposición de carácter itinerante. A temática das obras é libre, e estas deben ter unha extensión mínima de 48 páxinas e máxima de 64. Os traballos presentaranse baixo plica, por duplicado e finalizados, tanto en guión como en debuxo. O prazo de admisión de orixinais remata o día 31 de maio de 2010.
O xurado do premio estará integrado polo presidente da Deputación, a deputada responsable da área de Cultura, e tres persoas de recoñecido prestixio no eido da banda deseñada, e a súa decisión farase pública o vindeiro mes de xuño.”
Os interesados poden obter máis información na páxina web da Deputación da Coruña, e as bases aquí.