A PRODUTORA DYGRA FILMS CONTINÚA A ADEBEDAR OS SALARIOS DE 2009 A NOVE EX-TRABALLADORES

Membros de AGPI e ex-traballadores da produtora DYGRA FILMS, afectados por unha débeda dos seus salarios do 2009, transmitennos unha nota que tamén foi enviada a prensa, para que contribuamos ao coñecemento público do seu caso.
Segundo a nota enviada polos mesmos afectados A PRODUTORA DYGRA FILMS CONTINÚA A ADEBEDAR  OS SALARIOS DE 2009 A NOVE EX-TRABALLADORES:

A produtora audiovisual Dygra Films, da Coruña, adebeda a nove ex-traballadores da empresa os soldos do ano 2009, chegando a sumar xa a débeda en total máis de 100.000 euros.
O pasado mes de xaneiro, tras a primeira nota de prensa que enviaran aos medios denunciando a sua situación, a directiva de Dygra Films púxose en contacto con eles para dicir que en breve ían pagarlles os soldos que lles adebedan. A día de hoxe non só seguen sen saber nada dos seus salarios, senón que os reiterados intentos de diálogo dos seus respectivos avogados coa representante legal da empresa só recibiron como resposta imprecisións e negativas.
Recordamos que no mes de decembro de 2009 Dygra recibiu, por parte do IGAPE e de Caixanova, un empréstito de 3,1 millóns de euros, cantidade coa cal aboou os atrasos salariais, correspondentes a un ano, á maior parte dos traballadores que ten a empresa en activo. Mais aos que denunciaran a situación nos xulgados non se lles pagou a débeda, nunha decisión unilateral de Dygra Films e sen mediar explicación pola súa parte.
Polo de agora Dygra Films só lles remunerou aos nove afectados as indemnizacións por rescisión de contrato, tras decisión xudicial, xa que de non facelo lles serían embargadas as contas á empresa. Os afectados lograran a rescisión de contrato pola vía xudicial, pero o diñeiro que recibiron como indemnización non inclúe nin os soldos adebedados dun ano nin os finiquitos, nin os intereses de demora, cantidades que lle demandan á empresa.
En conversación con esta Asociación, o director da empresa DYGRA Films, Manolo Gómez, manifestou que está á espera de que se resolvan os pleitos pendentes e que o xuiz estableza a cantidade exacta que lles deba pagar, pois non existe acordo entre as partes nas cantidades adebedadas.
A AGPI manifesta abertamente o seu apoio aos ilustradores afectados, algúns deles membros desta asociación, e considera que é a súa obriga facer denuncia pública desta situación e desexa unha axilización dos trámites que poñan solución a este conflito.

Compartir