Actividades da AGPI no Día da Ilustración


Carteis con deseño e ilustración de Nuria Díaz

Esta fin de semana, con motivo da celebración en Galicia do Día da Ilustración —instituído oficialmente o ano pasado, tomando como data o 30 de xaneiro, aniversario do nacemento de Castelao—, van celebrarse varios actos e actividades organizados ou participados pola AGPI, en Vigo e na Coruña.

O comezo do programa será o acto institucional do Día da Ilustración, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia: o propio venres 30 ás 19:00 h na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña) terá lugar unha mesa redonda, baixo o título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado». Nela participarán os nosos socios Marina Seoane, Sekone e Alberto Guitián, e aproveitarase a ocasión para presentar publicamente a nova publicación da asociación, o Caderno AGPI 2015.

Ademais, en The Room (rúa Afonso VII, 15, 15005 A Coruña) desenvolverase o venres ás
20:00 h
unha sesión de Drink & Draw a cargo do Colectivo Miñoco. Neste caso, ademais das habituais probas de debuxo, os participantes poderán xerar obras para vender o sábado no Ilustratón: decorrerá de 11:30 a 15:30 e de 17:00 a 22:30 h, tamén en The Room, e consistirá nunha exposición de orixinais de diversos ilustradores, que se venderán ao prezo único de 20 euros.
Tratarase de debuxos orixinais rápidos ou de tipo bosquexo, en tamaño A5 e asinados, principalmente a cargo de socios da AGPI. Nese mesmo lugar, e co mesmo horario, poderá visitarse tamén o Mercado de Ilustración AGPI, un posto de produtos de AGPI e dos seus socios.

E de 12:00 a 13:30 h, terá lugar o Curso de iniciación a Affinity Designer, un novo software de debuxo vectorial, a cargo de Bernal Prieto. Entre 13:30 e 15:30 h, a Sesión Vermú permitirá confraternizar, con petiscos a cargo de The Room. Xa ás

18:00, unha sesión de Pictionary por Miñoco, co popular xogo nun formato aberto, áxil e divertido.

Finalmente, de 21:00 a 22:30 unha nova edición do IlustraNoite, con micropresentacións de varios autores e xente relacionada coa ilustración.

Polo que respecta a Vigo, no café Detrás do Marco (rúa Londres, s/n, 36202 Vigo) o venres 30, ás
22:00 h,
haberá outro IlustraNoite, e durante toda a fin de semana, exposición dos participantes nel.

O sábado 31, ás
23:00 h,
en La Fiesta de los Maniquíes (rúa Rogelio Abalde, 11, 36201 Vigo), novo Combate de Debuxantes, no que varios contendentes se enfrontarán ilustrando en gran formato e con tempo limitado conceptos ao azar.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta.

Compartir