Actividades da AGPI no
Viñetas desde o Atlántico

A caseta da AGPI no festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, ademais de ter á disposición de todo o público visitante as publicacións da asociación, así como láminas, publicacións e outros mateiriais realizados polos nosos socios —agora mesmo, María Álvarez, Yago García, Jorge Peral, José Souto Josiño, Martín Romero, Carlos Arrojo, Luis Sendón, Kike J. Díaz e Marcos B, aínda que o número segue a crecer—, será tamén o lugar dunha nova sesión de revisión gratuíta de portafolios, este domingo, día 10, de 12:00 a 14:00 h, a cargo dos ilustradores Jano e Marcos Martín, dous dos convidados con exposición propia nesta edición do salón coruñés do cómic. Todos os ilustradores e ilustradoras interesados, independentemente de se son ou non socios da AGPI, poderán participar nesta sesión.

Por outra parte, o venres 8 e o sábado 9 desenvolverase Autobán, o minifestival de autoedición e banda deseñada de autor organizado pola AGPI. As actividades máis destacadas do evento serán un Combate de Debuxantes (o venres á noite), e un mercado de fanzines, charlas, mesas redondas e un PechaKucha de autoedición (ao longo da xornada do sábado), en Old School (rúa División Azul 8, 15005 A Coruña)The Room (rúa Afonso VII 15, 15005 A Coruña). O programa detallado do Autobán pode encontrarse nesta ligazón.

Compartir