Actividades do Colectivo Miñoco en ExpOtaku

Mañá, venres 25, ás 11:00 h, dará comezo a ExpOtaku; será en en Expocoruña (Avenida da Universidade
s/n, 15008 A Coruña).
A temática da feira este ano foi ampliada con respecto ás edicións anteriores; así, inclúese o maratón informático Arroutada Party e búscase captar con diferentes contidos un público máis xeral, non exclusivamente do mundo do manga e os videoxogos.

O Colectivo Miñoco, formado por Yago García, María Álvarez, Elena Valverde e Jorge Fernández, participa novamente este ano, cunha exposición centrada nos crossovers, e, ademais, unha charla (o sábado 26, ás 20:00 h) sobre o proceso creativo da exposición e outros proxectos do colectivo, e un «live painting» que se realizarán no seu stand da feira. Volverán dinamizar tamén dous concursos, un de fanart e outro de deseño de personaxes, co apoio da asociación organizadora da feira, Movemento Xove.

Actualización: Á parte das actividades dentro do colectivo, Jorge Fernández, pola súa parte, participará o sábado ás 17:00 nunha charla sobre o libro Cuando el titiritero reclama sus
marionetas,
autoeditado por el e Fernando Pérez Barral, no que colabora como portadista.

Compartir