Ao igual que en edicións anteriores, a AGPI dispón dun posto dentro da «Rúa da BD», a feira do cómic do festival Viñetas desde o Atlántico, que comeza esta mesma tarde. Será no stand n.º 30, e nel poderase encontrar información sobre a asociación e as súas actividades, así como adquirir as súas publicacións.
A «Rúa da BD» conta cun programa específico de actividades e presentacións nunha carpa habilitada na feira. Así, mañá martes, ás 12:00 h, a ilustradora e arquitecta Ana Amado presenta o cómic Barreira 13, con guión do tamén arquitecto José Antonio Padrón. Ás 13:00 h será o acto de presentación do DVD da curtametraxe Radiografía dun autor de tebeos, o documental acerca de David Rubín.
O mércores, ás 12:00, haberá un obradoiro de debuxo con José Domingo; ás 13:00, a presentación da novela gráfica Punto de fuga, de Miguel Cuba; ás 13:30, por último, presentarase o número 32 da revista Retranca e mais a revista infantil Fiz.
Polo que respecta ao programa previsto para o xoves, será presentado o proxecto de Cangrejo Rojo Cómics, a partir das 12:30 h, así como o segundo volume da serie Gárgolas, ás 13:00.
O venres, ás 12:30, terá lugar a presentación do álbum A man do diaño, de Brais Rodríguez, nas súas versións galega e castelá, e ás 13:00 h a de Lois Pereiro: breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano.
Na fin de semana, o sábado 14 está programado un novo obradoiro de debuxo con José Domingo, ás 12:00; a presentación do álbum Cabana de Balieiros, de Tokio, ás 13:00; e a das novidades do colectivo Polaqia ás 13:30. Pola tarde, ás 18:30, haberá unha charla coloquio sobre Tintín con Antonio Altarriba e Pedro Rey. O domingo, finalmente, desenvolverase unha «xornada de achegamento ao manga» con diversas actividades, que comezarán ás 12:00 coa charla coloquio «O manga, algo máis que un cómic», a cargo do colectivo Kuro Usagi.