Actividades nas bibliotecas o Día da Ilustración


Cartel oficial do Día da Ilustración 2015, por Miguelanxo Prado

Á parte do acto central do Día da Ilustración —a mesa redonda organizada coa AGPI, mañá, venres 30, ás 19:00 h co título «As mil caras da ilustración: novos campos e soportes para o traballo ilustrado» (na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, rúa Miguel González Garcés, 15008 A Coruña)—, as bibliotecas nodais galegas van acoller un bo número de actividades relacionadas co mundo da ilustración, moitas delas en colaboración con socios da AGPI.

Así, na propia biblioteca Miguel González Garcés, este sábado Xosé Tomás desenvolve o obradoiro creativo de banda deseñada «Coñécete a través dos cadriños» (para nenos de 6 a 12 anos).

Noemí López impartirá un taller de ilustración na Biblioteca Pública de Lugo (avda. Ramón Ferreiro, s/n, 27002 Lugo) mañá a partir das 18:00 h. Está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.

A Biblioteca Pública Juan Compañel (rúa Joaquín Yáñez, 6 36202 Vigo) acolle, desde mañá ata o 2 de febreiro, a mostra «Marcopola, a illa remeira», de Jaboco Fernández, que ademais ofrecerá o sábado, ás 12:30, unha charla aberta a todo o público interesado. No mesmo lugar, a partir das 12:00, Noemí López será tamén a encargada de dirixir un taller de ilustración dirixido a cativos de máis de 3 anos.

A Biblioteca Pública de Ourense (rúa Concello, 11, 32003 Ourense) tamén programou para o sábado ás 11:30 un obradoiro de cómic, a cargo de Yago García.

Finalmente, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (avenida de Xoán XXIII, s/n, 15704 Santiago de Compostela) permanece ata mañá unha exposición bibliográfica dedicada aos ilustradores galegos.

Compartir