Adeus a Benito Losada

Benito Losada, un dos máis coñecidos e activos dinamizadores culturais en Galicia, faleceu este domingo por mor dunha grave doenza coa que viña loitando nos últimos meses. Director da Casa da Xuventude de Ourense desde había 35 anos, creou e impulsou eventos que hoxe son unha referencia, tales como as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, a Bienal da Caricatura ou o Outono Fotográfico. Foi socio fundador da Agrupación Fotográfica Ourensán e do Clube Cultural Alexandre Bóveda, ademais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas. Un dos moitos sectores que apoiou de forma fundamental coas súas actividades foi o da ilustración galega, nomeadamente nos campos da banda deseñada, a caricatura e o humor gráfico, que recibiron un enorme impulso grazas ao seu empeño. AGPI sente profundamente a súa perda e considera de xustiza reivindicar a importancia da súa figura.

Compartir