Desde hoxe ata o domingo, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, e a AGPI estará presente no programa.
Como é habitual, por unha banda, a través dun stand na zona expositiva amosaranse as
publicacións da asociación e o traballo dos asociados, e facilitarase
información
sobre as actividades desenvolvidas. Pero ademais, como entidade colaboradora da organización da feira, AGPI tamén formará parte do contido do programa coa actividade «A hora da ilustración», que se levará a cabo o sábado, 1 de decembro, a partir das 12:30 na zona denominada O Garaxe. Os nosos socios Sergio Covelo, Yago García (Yaguete), Alberto García Ariza, Augusto Metztli, Enrique Mingote, Pablo Otero e Ana Santiso mostrarán os seus traballos en proxeccións comentadas das súas ilustracións ante o público.
Alén diso, para dinamizar o espazo expositivo a AGPI leva adiante un cómic mural en forma de «cadáver exquisito» aberto á participación do público; nel cada quen pode debuxar unha viñeta e continuar a historia comezada por outros.
A AGPI, en colaboración co Culturgal, organizou ademais uns encontros vis à vis con compañías culturais para pór en contacto proxectos de ilustradores con empresarios do sector.
O programa deste ano conta con outras achegas relacionadas coa ilustración. Por exemplo, o venres, ás 18:30, presentarase Galaxia Comics, iniciativa de Editorial Galaxia para a lectura de banda deseñada en iPhone e iPad, que inicia a súa andaina co álbum Nómades, de Xosé Tomás. O sábado, a partir das 13:30, haberá un coloquio titulado «Humor en cadriños», cos debuxantes Pepe Carreiro, Xosé Lois e Siro, entrevistados por Félix Caballero; o coloquio será retransmitido en directo mediante streaming a través da web de Culturgal. E o domingo, ás 13:00, haberá unha conversa de María Solar con José Domingo e Xavier Alcalá, tamén retransmitida polo mesmo medio.
Culturgal, de entrada gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra). Pode accederse ao programa completo nesta ligazón (PDF, 2,29 Mb).