AGPI participa nos ‘Encuentros’ de APIM

A Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid (APIM) organiza para este venres e este sábado, dí­as 26 e 27 de febreiro, unha nova edición (a número trece) dos seus Encuentros con Ilustradores Profesionales, que nesta ocasión contan con presenza doutras asociacións de ilustradores, como a AGPI.

Os Encuentros terán lugar no Museo Abc (Amaniel, 29, 28015 Madrid), e comezarán mañá ás 17:30 cunha mesa redonda titulada «Mirando desde el otro lado», na que falarán tres profesionais do mundo da dirección artí­stica publicitaria e editorial: Juan Pacheco, de Essencial Prod; Fernando Agresta, de Edelvives, e Pep Huertas, de McCann Barcelona.

O sábado a xornada iniciarase ás 11:00 cunha sesión de revisión de portafolios (para a que xa está pechado o prazo de inscrición), cos ilustradores Riki Blanco, Juan Díaz-Faes, Alé Mercado, Mar Blanco e Enrique Lorenzo. Despois, ás 12:30, proxectarase en exclusiva o filme Vivir para dibujar, dibujar para vivir, documental sobre a realidade do cómic en España, en que APIM participou como produtor asociado na súa campaña de crowdfunding. Xa pola tarde, ás 16:00 presentaranse os resultados da Encuesta Nacional de Ilustración «Usted está aquí», coordinada pola APIM nas últimas semanas. Ás 16:30 será o momento da mesa redonda «Viajar acompañado: la función de las asociaciones de ilustradores en la actualidad», na que participarán Alé Mercado (responsable de relacións internacionais de Illustrators Ireland), Miguel Gallardo (presidente de APIC), Raquel Cuenca (presidenta de APIM) e Sergio Covelo (presidente da AGPI).

Compartir