Fotografía: Ana Peyrí.
Fonte da noticia: FADIP.
A complicidade e a tenrura foron dous dos selos que a ilustradora e escritora Asun Balzola imprimiu nas súas obras. Nacida en Bilbao en 1942, esta muller, obstinada por vivir, faleceu en Madrid, deixándonos un gran legado no mundo das artes plásticas e a literatura.
Asun Balzola estudou debuxo e pintura nos anos 60 na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid, tras sufrir un grave accidente de tráfico. En 1967 trasladouse a vivir a Italia e en 1976, xa de regreso a España, dedicouse por completo a escribir e debuxar.
Aínda que a maior parte da súa produción bibliográfica diríxese a nenos e novos, en 1998 realizou Txoriburu, o seu primeiro libro para adultos, e tamén foi autora do deseño gráfico de libros, carteis, folletos, calendarios e tarxetas.
A súa paixón pola vida reflectiuse na súa obra, que rápidamente obtivo un gran éxito que se mostrou en moitos traballos que realizou tanto para editoriais españolas, como europeas e estadounidenses.
A súa excelente achega ás artes plásticas viuse recompensada con recoñecementos tan importantes como os premios Golden Apple de Bratislava, Premio Nacional de Ilustración; Premio da Generalitat de Catalunya, Premio Euskadi e premio Apel·lles Mestres, entre outros. En 1998 a Asociación Profesional de Ilustradores de Catalunya outorgoulle o premio L’Il·lustrad’Or como galardón a toda a súa traxectoria profesional.
Asun Balzola non só foi unha persoa comprometida coa vida, senón tamén comprometida coa profesión. Foi a primeira presidenta da Asociación de Ilustradores de Madrid, e máis tarde repetiu o cargo conxuntamente con Forges.
Entre a súa bibliografía máis representativa atopamos Cancionero infantil universal, que obtivo o premio Lazarillo; Historia de un erizo, Premio Nacional de Ilustración; e a colección de Munia , que obtivo varios premios.
Asun Balzola dicía que de pequena quería ser pirata. Non foi unha pirata á antiga usanza, pero si que conseguiu recrear ese mundo destinado á imaxinación no que se atopan non só piratas e outros personaxes, senón a profunda coraxe que esta excelente ilustradora transmitiunos ao longo da súa vida e obra.