Desde hoxe ata o domingo, día 7, desenvólvese na Coruña (no Palexco, Peirao de Transatlánticos s/n, 15003 A Coruña) a feira Hobbycon, dedicada ao «ocio alternativo». No programa de actividades encóntranse varias relacionadas coa ilustración e a banda deseñada, e en concreto varias delas teñen que ver con socios da AGPI.
Así, o Colectivo Miñoco (conformado entre outros por María Álvarez Hortas, Yago García e Jorge Peral) terá un posto na feira, onde o público poderá adquirir publicacións e ilustracións, e o día 6 de xullo, ás 11:30, ofrecerán unha charla sobre o seu fanzine Compota de Manatí e sobre o propio colectivo, especialmente da exposición que prepararon para a Hobbycon, centrada nunha mostra de cubertas de videoxogos ficticios.
Por outra parte, Demo Editorial, do noso socio Manel Cráneo, estará na feira cun posto propio, ademais de cunha exposición de orixinais da obra Sálpock: O val dos Cegos, de Álvaro López e Luis
Sendón. Alén diso, Manel presentará mañá, venres día 5, a colección Häinös, a liña de fantasía e ciencia-ficción da editorial, e o sábado 6 Álvaro López dirixirá unha partida do xogo de rol inspirado no mundo de Sálpock.
Actualización: ademais, o domingo, 7 de xullo, ás 17:00 h, Antonio Seijas presentará na Hobbycon a súa novela gráfica Cartas de inverno.