Hoxe deuse a coñecer que Carme Solé Vendrell foi galardoada co Premio Nacional de Ilustración 2013, que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas». A dotación económica do premio é de 20 000 euros.
Carme Solé Vendrell (Barcelona, 1944) estudou pintura na Escola Massana (Barcelona). Ten ilustrado máis de 700 títulos, publicados en varios países, e tamén traballou nos ámbitos do cartelismo, a escenografía e a animación, como no caso da serie Victor & Maria (1983).
En 1979 recibiu o Premio ás Mellores Ilustracións Infantís e Xuvenís (Ministerio de Cultura) por El niño que quería volar, Peluso y la cometa e Pedro y su sable; en 1981, o Premio Lazarillo por Raspall.
O xurado, que destacou da ilustradora o feito de ser «unha artista faro no mundo da ilustración do libro infantil e outros xéneros», estivo presidido pola directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, e estivo composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; Emilio González Urberuaga, galardoado na edición de 2011; Berto Martínez, pola APIC; Aitana Carrasco, pola APIV; Paul Coulbois pola APIM; Almudena Aparicio pola AGPI; Alex Orbe por Euskal Irudigileak; Mariona Cabassa por FADIP; Reina Duarte pola OEPLI; Leticia Azcue pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; M.ª Eugenia Maraval polo Centro de Estudios de Género de la UNED; e Mario Suárez polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.