Carta de despedida de Santy Gutiérrez

Coa elección da nova directiva da AGPI, Santy Gutiérrez deixa o seu posto de presidente, que ocupou desde 2007; antes (entre 2003 e ese momento) fora tesoureiro da asociación. Esta é a súa carta de despedida:

Nunca subín ao monte Everest, pero supoño que agora mesmo debo ter a mesma sensación de quen descende despois de facer cumio nun «oito mil».

Foron anos de esforzo ascendendo, de entrega e de sacrificios, de apuros ás veces, de caídas e incompresións, pero tamén foi moito máis ca iso: facer cumio foi desfrutar do ascenso, aprender mentres camiñaba, mellorar adquirindo experiencia, afrontar retos que semellaban insalvables e superalos, coñecer persoas inesquecibles noutras vías do ascenso, e sobre todo foi unha convivencia con xente extraordinaria, porque facer cumio sempre é un traballo en equipo. E agora á fin, tras máis de seis anos de ascenso á fronte da AGPI, por fin fixen cumio. Sentei a respirar e contemplei todo o que quedaba baixo os meus pés, e a paisaxe é incomparable. Sentei ao lado do estandarte do ollo amarelo e vin a ruta pola que ascendemos; ao meu lado teño persoas coas que me embarcaría en calquera aventura, e vin que o esforzo mereceu a pena.

E comecei xa o descenso, camiño ao campo base, e dende aí, á casa. Dentro dun tempo contareille ao meu fillo que unha vez estiven á fronte desta expedición, e que grazas ao meu equipo fixen cousas boas e admirables. Mirarei as fotos destes anos e lembrarei cada un dos pasos que din e volverei sentir unha fonda satisfacción por telos dado.

Agora é a vez doutros. A Asociación queda baixo a tutela de Marina Seoane, magnífica autora, toda experiencia e veteranía, e na do resto da xunta directiva, algúns acabados de incorporar á tarefa e outros xa coñecendo o terreo que pisan. A todos eles lles dou a miña felicitación e o meu ofrecemento a axudar no que consideren necesario. Non pode quedar o testemuño en mellores mans.

Quero dar as grazas a todos os que pasaron pola directiva da AGPI mentres eu estiven na presidencia; foi grazas ao seu traballo que puido facerse todo o que se fixo nestes anos. Fose isto pouco ou moito (eu penso que moito máis do que eu mesmo esperaba), o certo é que foi todo mérito seu e do seu traballo desinteresado. Non podo nomear a todos os que me axudaron nestes anos porque de seguro que esquecería alguén, pero quero mencionar especialmente a Alberto, sempre ao meu lado na laboriosa tarefa de webmaster, a Almudena, eficacísima secretaria, a Suso Cubeiro, amigo sabio e acertadísimo conselleiro, a José Domingo e Bernal, que decidiron tirar do carro cunha enerxía inusitada cando eu xa estaba canso; a súa incorporación á xunta directiva da AGPI foi decisiva e fundamental. Grazas a todos os demais directivos (a Luis, a Jaime, a Sergio e Hugo, a Ana, a Pintu, a Javi, a Fran, a Sesé, a Xurxo, a Guitián, a Óscar, a Diego, a Idoia, a Sekone, a Quico…; déixome moitos, seino). Non debo nin podo esquecer a Manel Cráneo, de quen recollín o cargo; el foi quen abriu o camiño, quen marcou a senda que os demais percorreriamos despois. Cráneo foi o primeiro home en facer cumio, o Edmund Hillary da AGPI; despois del, foi maís sinxelo. E sobre todo quero agradecer e destacar o labor de Henrique Torreiro, o noso secretario técnico,  imprescindible para que a AGPI funcione como o fai. Insubstituíble, sempre me puxo a cousas fáciles, sempre estivo dispoñible, sempre me liberou das tarefas ingratas, Henrique está sempre. E iso é impagable.

Ao resto dos socios e socias, quero darvos as grazas por apoiarme e soportarme estes anos: non sempre fixen as cousas ben, teño tendencia á vehemencia verbal, e en ocasións resulto prepotente, algo pesado e certamente un chisco gilipollas. Pídovos perdón se me comportei como tal. E pídovos tamén perdón por non ter conseguido máis das administracións públicas: topei cun muro de incomprensión que me foi difícil de saltar.

E aproveito xa nesta despedida pública para reclamarlles a estas últimas máis atención ao noso gremio, que foi descoidado de xeito inaceptable. O escaso ou nulo apoio ao noso labor vai en detrimento do patrimonio desta terra; a ilustración gráfica ten fondas raizames na cultura galega, é parte fundamental do noso xeito de expresión: facemos patria por onde vamos e levamos un estandarte de calidade que moitos envexan. E somos un elo fundamental nas industrias editorial e audiovisual propias. A falta de implicación e respecto cara a nós por parte das altas xerarquías políticas e empresariais fan que sexamos un elo débil que sofre de xeito inxustamente desproporcionado; e quero lembrar que se a cadea rompe, rompe toda ela, non só o elo débil, polo que para evitar isto cómpre reforzar ese elo outorgándolle ferramentas legais e fiscais que permitan que poidamos facer o noso traballo dun xeito máis digno e rendible que do que o estamos a facer dende hai décadas. 

Deixo a presidencia da AGPI, si, pero non a combatividade. Esta profesión tenme dado moito, e só podo devolverlle parte do que me ofrece loitando por ela con todo o amor e paixón que sinto polo meu oficio. Descendo a montaña con algún dedo conxelado de menos, pero cun fondo, profundo e eterno sorriso na alma.

Grazas e ata sempre!

Compartir