O próximo xoves, 9 de xaneiro, ás 20:00 h, a charla «Creando Rosalías» tentará afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco Rosalía pequeniña —de Uxía Senlle, con ilustracións da nosa socia Marina Seoane— e o libro-disco Na lingua que eu falo —de Najla Shami, con fotografías de Ainoa Calvo—. Os participantes terán a oportunidade de desentrañar con estas catro artistas o proceso creativo destas obras, tratando todas as fases do seu traballo.
Esta actividade forma parte do programa do festival Cantos na Maré, e terá lugar na Casa das Campás (rúa Don Filiberto 9-11, 36002 Pontevedra), con acceso libre e gratuíto.