Chega o décimo quinto
Salón do Libro de Pontevedra

Mañá, 14 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) o décimo quinto Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, baixo o lema «Cociñando contos». As súas actividades estenderanse ata o próximo 5 de abril.

A autora do cartel desta edición é a nosa socia Pirusca, e no programa figuran tamén varias actividades ligadas coa ilustración, como os obradoiros «A cociñar historias» (do 17 ao 24 de marzo) ou «Decoración de galletas cos Megatoxos» (24 de marzo), ambos os dous a cargo do noso socio Anxo Fariña, ou a exposición dos seleccionados do Premio Europeo «Cociña de contos», gañado por Iratxe López de Munáin.

Este Salón do Libro inclúe ademais unha colaboración innovadora coa AGPI: o proxecto «Almorzos ilustrados», consistente na distribución de manteis ilustrados creados polos nosos socios Aida Alonso, Alberto García Ariza e Iago Araújo. Estes manteis están repartidos nos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa (Vetula Ponte, Pintxo Viño, Creperie Cre-Cotte, Barbol, La Estafeta, O Forniño e PonteTapas).

O programa completo pode lerse aquí (PDF, 1,14 MB).

Compartir