Chega o noveno Encontro Galego de Ilustración

O Encontro Galego de Ilustración, que desenvolve cada ano a AGPI, acada a súa novena edición o próximo sábado 27 de outubro. Como é habitual, a xornada decorrerá no Centro Cultural Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela).

Os actos da mañá (a partir das 10:00 h) serán abertos a todo o público interesado, e estarán compostos por charlas e mesas redondas sobre cuestións que atinxen ao mundo dos ilustradores, con relatores de primeiro nivel; este ano, a temática que percorrerá toda esta parte do Encontro será a do cinema de animación, que desperta cada día máis interese na profesión. Así, o mundo da animación 3D será tratado polos ilustradores David Rubín e Alberto Taracido; o da animación stop motion correrá a cargo de Virginia Curiá e Tomás Conde (da produtora Algarabía Animación); acerca da animación en 2D falará o ilustrador Alberto Vázquez (do que se proxectará a súa premiada curtametraxe Birdboy); e finalmente Julián Romero, deseñador de produción do filme Planet 51, falará sobre a dirección de produción nunha longametraxe de animación.

Contra as 14:20 terá lugar na praza da Quintana o tradicional «Fotomatón» con todos os asistentes ao Encontro, e a partir de entón comezarán as actividades reservadas aos socios da AGPI: o «Xantar de confraternización» no restaurante O Dezaseis, e mais a Asemblea xeral de socios, de volta no centro cultural Novacaixagalicia, a partir das 17:30 h.

Como colofón á xornada, desde as 22:00 h celebrarase no bar Mercromina (rúa de San Pedro 9, 15703 Santiago de Compostela) a festa de presentación do fanzine Compota de Manatí, a cargo do Colectivo Miñoco.

O programa completo pode consultarse aquí.

Compartir