Ciclo de música e BD na sala Normal da Coruña

A sala Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña (paseo de Ronda 47, 15011 A Coruña), ofrece desde hoxe un ciclo de concertos «co principal obxectivo de promover a incipiente —e recoñecida—
nova xeración de músicos galegos, orixinando un lugar de colaboración
con outras disciplinas artísticas como a banda deseñada». O título do ciclo é Ninonino!, en referencia a unha das onomatopeas «que representan sons no mundo do cómic cando se debuxan
músicos a tocaren e cantaren».

Así, durante catro sesións, oito bandas galegas de diferentes estilos presentarán as súas cancións mentres varios debuxantes resumirán cada
xornada en viñetas.

O debuxante Andrés Magán ilustrará o concerto inaugural hoxe, a partir das 20:30 h, con Gas Noble e Puma Pumku a presentar as súas últimas propostas musicais. O xoves 8 de
maio
serán as bandas Esquelas e Das Kapital as que protagonizarán unha sesión ilustrada por Miguel Porto. O 9 de maio, o escenario acollerá a Lady Leño e Linda Guilala, coas ilustracións do noso socio Bernal Prieto. Finalmente, Korokati e When Nalda Became Punk serán os grupos
encargados de pechar o ciclo o venres 16 de maio, nun último concerto
que será ilustrado polo debuxante Roque Romero.

Todos os concertos terán entrada libre de público ata completaren o aforo.

Compartir