A AGPI presenta unha nova actividade, as Tertulias AGPI, que comezan o próximo mércores 2 de xuño ás 19.30 h na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real 56, 15003 A Coruña) e que posteriormente irán tendo lugar noutras localidades da xeografía galega. O título da primeira tertulia é «Fuga de talentos: segue a ser necesaria a emigración de ilustradores?».
Seguimos os ilustradores necesitando achegarnos ás capitais para poder abrirnos paso profesionalmente, ou a era da internet converteu definitivamente o lugar de residencia en algo secundario? Este faladoiro, aberto a todo o público, busca que as persoas asistentes compartan as súas impresións sobre os mitos e as realidades da emigración de creativos cara a outros lugares. Procuramos un punto de encontro, informal e animado, entre os ilustradores e entre ilustradores e público.
Para abrir o coloquio contaremos cun convidado especial, Alberto Guitián, socio de AGPI que residiu durante uns anos na cidade de Barcelona, onde traballou en ilustración publicitaria, banda deseñada e cinema de animación.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración dá comezo así a unha nova actividade que nace con vocación de continuidade, aínda que sen periodicidade nin sede fixas, coa intención de desenvolvela en diferentes localidades galegas, polo menos unha vez cada trimestre.
Este faladoiro conta coa colaboración da Galería Sargadelos da Coruña e co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, dentro da súa campaña «A Cidade que Le».
Alberto Guitián (Lugo, 1974). Licenciado en Belas Artes en Pontevedra. Acadou premios en diversos certames galegos e portugueses de BD e caricatura. En 2003 gañou un accésit dos premios do Injuve, na categoría de cómic. Ten colaborado en numerosas publicacións, como O Fanzine das Xornadas, Golfiño, Caña, Bíblia, Tmeo, Mono Gráfico, Cabezabajo, Amaníaco, Viralatas, BD Banda, Retranca, Barsowia, Míster K ou El Jueves, e publicou en 2009 o seu primeiro álbum monográfico, Fito e Pita (Retranca Editora). Alén diso, traballou con axencias de publicidade e estudios gráficos de Galicia e Cataluña, así como no deseño de fondos para o filme de animación Chico y Rita, dirixido por Javier Mariscal e Fernando Trueba. Nos próximos meses publicará Petaco, o seu segundo álbum de BD, recompilación de paxinas publicadas na revista xuvenil Míster K.