Comezan Ilustrísima e o Salón do Libro Infantil de Madrid

A 37ª edición do Salón del Libro Infantil y Juvenil de Madrid dá comezo hoxe, con presenza galega no seu programa. Así, o próximo 17 de decembro será no Salón o «Día de Galicia», e ás 11:00 haberá unha actividade con escritores, editores e ilustradores galegos: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Do Campo, Manuel Bragado e os nosos socios Xan López Dominguez e Marina Seoane. Esta falará non só en nome propio, senón tamén como presidenta da AGPI, e proxectará unha mostra do traballo dos nosos socios.

Marina realizará tamén no Salón dúas actividades de contacontos. Xan López Domínguez participa, ademais, na exposición Estamos en la Luna, que se inaugura hoxe dentro do programa do Salón. Xan publicou no seu blog a obra que incluíu na mostra.

Por outra parte, entre hoxe e o día 15 terá lugar no Museo Abc de Madrid Ilustrísima 2013. Nesta feira da ilustración participará tamén Marina Seoane como parte do colectivo Ilustradores.com e terá á venda láminas, postais, medallóns e camafeos que poden verse no seu blog. Pode accederse ao programa completo de Ilustrísima neste PDF.

Compartir