Comezou o Salón do Cómic de Barcelona

Desde hoxe e ata o domingo, día 18, decorre en Barcelona o Salón Internacional del Cómic, que, como nos últimos anos, conta cunha destacada presenza galega.

Entre as exposicións, unha sobre o humor gráfico en España (titulada Por el derecho a sonreír), que inclúe traballos do noso socio David Pintor (como parte do dúo Pinto & Chinto), e a dedicada á novela gráfica gañadora do Premio á mellor obra nacional o ano pasado, Ardalén, de Miguelanxo Prado.

Entre os candidatos a ese mesmo premio deste ano figura Beowulf, de Santiago García e o noso socio David Rubín —que ademais é noticia porque acaba de ser publicada en Francia, da man da prestixiosa Éditions Casterman—. David estará asinando exemplares das súas obras no salón, e toda a información ao respecto pode lerse no seu blog. Outro socio noso que estará a asinar as súas publicacións é José Domingo, que anuncia os seus horarios de firmas tamén na rede.

Por outra parte, paralelamente se desenvolve ademais en Barcelona unha nova edición da feira Graf, dedicada á edición independente de banda deseñada. Nela tamén estará asinando José Domingo, e ademais a nosa socia Emma Ríos intervirá na mesa redonda «Superhéroes de autor», o sábado, ás 12:00 h.

Actualización (22/5/2014): A mesa redonda coa intervención de Emma Ríos pode verse completa en vídeo en dúas partes, aquí e aquí.

Compartir