A Federación de Empresarias de Galicia (FEGA) e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) asinan un convenio de colaboración co obxecto de manter unha liña de colaboración que permita deseñar e desenvolver unha serie de proxectos e actividades de interese común para ambas as entidades.
O primeiro froito desta colaboración será compartir o local, sito na rúa Cardeal Cisneros n.º 4 da Coruña, como espazo físico para a centralización dos labores de oficina e os servizos de asesoramento xurídico especializado.
Segundo aseguran os asinantes do acordo, Isabel Iglesias (presidenta de FEGA) e Santy Gutiérrez (presidente de AGPI), grazas a este convenio será posible un beneficioso intercambio de información e coñecementos sobre os distintos ámbitos de actuación en que se desenvolve cada entidade.