Declaración da AGPI no Día da Ilustración

A AGPI participa hoxe nas actividades do Día da Ilustración, e fai pública esta declaración oficial:

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración congratúlase por este primeiro Día da Ilustración en Galicia, como o fai por todas as medidas que poidan dar unha maior visibilidade á profesión.

Aproveitando esta celebración, e dado que o Día da Ilustración nace coa efeméride do aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, queremos tamén reivindicar a memoria doutros grandes ilustradores galegos, como Federico Ribas, Manuel Bujados, Castro Gil, Julio Nieto Nespereira e moitos máis, aos que algún día deberiamos dedicar exposicións e charlas, porque forman parte da historia da arte e da cultura en Galicia.

Tampouco queremos deixar pasar a oportunidade de lamentar que, mentres o panorama da ilustración en todas as súas especialidades vive un momento de moi boa acollida por parte da sociedade, os ilustradores están a pasar grandes dificultades, debido principalmente aos baixos prezos das tarifas e ás políticas contractuais impostas por unha boa parte das empresas dos sectores relacionados (editorial, prensa, publicidade…). A crise económica  afecta a toda a sociedade, pero ademais os ilustradores teñen que afrontar a crise que arrastra o mercado do libro desde moito antes, debido nomeadamente a políticas empresariais equivocadas.

Saudamos este importante primeiro paso, e esperamos que o Día da Ilustración vaia consolidándose nos próximos anos, como afortunadamente se vai consolidando na sociedade a conciencia da importancia dos creadores gráficos como parte esencial da nosa bagaxe cultural.

Compartir