Coincidindo
coa presentación oficial do VIII Festival de
Banda Deseñada da Rexión de Bruxelas, e dentro das actividades Galicia,
tempo de BD, inaugurouse o día 1 na capital
belga a nosa mostra 10 anos de BD galega, unha
retrospectiva dos grandes traballos da banda deseñada galega
dos últimos anos,que xa estivera en España, Portugal e Cuba. Ao acto, asistiron autoridades
belgas e medios de comunicación especializados, así como
representantes da Dirección Xeral de
Promoción e Difusión Cultura da Cultura da Consellería de Cultura
e Turismo, promotora da exposición, e a Fundación Galicia Europa,
entidade que tivo a iniciativa de trasladar a mostra a Bruxelas.
O
obxectivo desta iniciativa é facer promoción entre o público e os
editores belgas da obra dos ilustradores galegos, especialmente
daqueles que teñen publicado en francés. Durante
a presentación, realizouse un pequeno percorrido pola historia da
banda deseñada galega, salientando especialmente o recoñecemento
acadado na última década, cando Galicia se converteu nun dos
principais focos do cómic a nivel español.
Composta
por láminas de 42 autores, 10 anos de BD galega é, xunto á dedicada ao debuxante Raoul Cauvin, unha das dúas exposicións temáticas que
se exhibirán entre o 9 e o 11 de outubro durante o festival de Bruxelas, un dos máis
importantes do poderoso mercado francófono
e que nesta edición coincide coa celebración en Bélxica do Ano da
Banda Deseñada.
Ademais
dos milleiros de visitantes, autores e editores que cada ano enchen
as salas do
festival, a mostra abrirase a visitas guiadas para escolares,
estudantes das escolas de cómic e público en xeral na Maison
Pelgrims de Bruxelas, onde permanecerá ata o día 8 de
outubro. Posteriormente, trasladarase ao recinto do festival onde se
poderá contemplar xunto aos stands dos ilustradores
internacionais seleccionados pola organización.
Podedes ver imaxes do evento no flickr de AGPI.