Como adiantabamos onte, está xa en funcionamento a caseta da AGPI na feira do cómic («Rúa da BD») do festival Viñetas desde o Atlántico —a feira abre este ano uns días antes que o propio festival, que se inaugura o próximo día 5—. Así pois, calquera visitante pode ter acceso xa na nosa caseta ás publicacións da asociación, e mais a todo tipo de material xerado polos nosos socios: desde láminas ata chapas ilustradas.
Non será a única acción da AGPI nesta edición do Viñetas, xa que ademais están previstas outras actividades, gratuítas e abertas a todo o público interesado. Deste xeito, haberá dúas sesións de revisión de portafolios: calquera ilustrador, estea ou non asociado á AGPI, poderá a acudir a que un recoñecido profesional do mundo do cómic lle dea consellos sobre os seus traballos. O venres 9, de 12:00 a 14:00 h, estarán os ilustradores Max —Premio Nacional de Cómic e autor de novelas gráficas como Vapor— e David Aja —recente Premio Eisner ao mellor debuxante polo seu traballo en Hawkeye—; o sábado 10, no mesmo horario, o guionista Carlos Portela —responsable de A conta atrás e Las nuevas aventuras de Esther, entre outros títulos— e o ilustrador Fran Bueno —debuxante, por exemplo, da serie Causas nobres.
Polo que respecta ás outras actividades que a asociación levará a cabo no Viñetas, está o «Combate de debuxantes», que terá lugar o xoves 8 a partir das 21:00 h en The
Room (rúa de Santiago 7, 15001 A Coruña). Neste «combate» artístico oito contendentes probarán a súa
valía nun torneo de debuxo en directo; serán Alberto Vázquez, Diego Blanco, Alberto Guitián, Nas!, Nómada, Luis Sendón, Ghosttthead e Xurxo G. Penalta.
Ademais, AGPI desenvolverá, conxuntamente co grupo de Urban Sketchers da Coruña, un Sketchcrawl especial Viñetas desde o Atlántico: unha saída para o debuxo en caderno pola rúa. Será o sábado 10, entre as 10:00 e as 14:00 h. Como nas demais actividades, pode apuntarse a ela toda persoa interesada.