O vindeiro venres, 5 de Setembro, ás 20.00 horas terá lugar na sala de exposicións da Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (rúa Real 14-16 baixo) a inauguración desta exposición colectiva de ilustración creativa actual.
“Digan rana y yo salto”, frase que da título á exposición, é tamén o nome do “blog” de traballo e encontro deste grupo de artistas gráficos durante o desenvolvemento do posgrado en Ilustración Creativa 2008 impartido pola Escola de Deseño e Arte Eina de Barcelona, de prestixio recoñecido internacionalmente.
Esta frase resume axeitadamente o espíritu da mostra e dos seus participantes, dado o seu carácter innovador, fresco e cheo de novas propostas dunha nova xeración de artistas que, cada vez máis, recorren á ilustración como medio de expresión.
Atoparemos debuxos realizados en diferentes técnicas, serigrafías, telas, pinturas ó óleo, acrílicos, e impresións de traballos dixitais, en variados soportes e tamaños, resultando un atractivo conxunto heteroxéneo de propostas.
Serán un total de 25 artistas os que participan na exposición e proveñen de diversas partes do mundo. Ademáis de españois contamos con representantes de Francia, Italia, Canadá, México, Chile, Perú, Colombia, Venezuela y República Dominicana.
A responsable do comisariado e coordinación desta mostra promovida pola Delegación de Ferrol do COAG, é Ana Amado, arquitecta ferrolana que tivo o placer e a honra de compartir os estudios do mencionado posgrado con este grupo de artistas.
A exposición poderá visitarse durante tres semanas, do 5 ao 26 de Setembro, en horario de Martes a Venres de 18 a 21h e Sábados de 12 a 14h.
Máis información:
Blog:
Blog do curso de ilustración creativa