No 150 aniversario da publicación do libro Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, 28 ilustradores e gravadores interpretaron os poemas deste libro básico da cultura galega. O proxecto foi unha iniciativa do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño), da Deputación de Lugo, en que unha trintena de autores foron convidados a participar (a través dun proceso de selección) nunha xornada de portas abertas o pasado mes de outubro.
A mostra cos resultados está composta por unha colección de obras das máis diversas técnicas (acuarelas, lapis, tintas, acrílicos, gravados, etcétera), e cada unha das 33 ilustracións corresponde a un poema do libro.
A nómina completa de autores presentes na mostra ten unha ampla presenza de socios da AGPI: Helena Karenina, Alberto García Ariza, Xosé Cobas, Eduardo Baamonde, Almudena Aparicio Andión, Quico, Noemí López, Jaime Asensi, Carlos Arrojo e Sergio Covelo.
A exposición pode verse no propio Centrad (travesía da rúa Chantada s/n, 27004 Lugo), desde o pasado día 9 ata o próximo 30 de maio, e proximamente será presentado o libro-catálogo coas obras.