Santiago de Compostela, sábado, 25 de outubro de 2008
Antonio Fraguas, Forges, acudirá a Santiago de Compostela o próximo sábado, 25 de outubro, convidado pola AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración) con motivo do V Encontro Galego de Ilustración. Forges, historia viva do humor gráfico español, será a estrela invitada a esta actividade que cumple o seu quinto ano consecutivo e que se levará a cabo a partires das 10 da mañá na Fundación Caixa Galicia, sita na Rúa do Villar, 19.
Segundo Manel Cráneo, director da actividade, “as previsións nos din que o salón de actos da Fundación estará cheo, e non só polos cerca de cen ilustradores galegos que se acercarán ao Encontro, senón pola importancia mediática dos nosos invitados”.
Forges abordará diferentes temas relacionados coa súa labor como humorista de prensa e ilustrador na charla titulada “Dibujo…Luego existo”; na que, partindo da súa experiencia de moitos anos como profesional do sector, e sempre coa nota de humor e inxénio que o caracterizan, explicará a composición do seu particular mundo e do seu estilo único de debuxo coa personalidade propia que o levou ao gran éxito mediático.
Do mesmo xeito, a directora de publicacións da Editorial Everest Galicia, Irene Penas, ofrecerá, baixo o título “A rebotica dos libros”, a súa ampla experiencia no sector editorial cun repaso aos procesos e outras cuestións relacionadas coa producción do libro infantil e xuvenil.
Para Santy Gutiérrez, presidente da AGPI, “despois de cinco anos da existencia da asociación, éste é o culme da intensa actividade realizada. Cremos, por tanto, que este é o mellor xeito de festexalo; cunha figura da ilustración mediática e punteira como é Forges e con outra con multitude de coñecementos dos entresixos editoriais como é Irene Penas. Con este punto e seguido na nosa fructífera traxectoria, tamén celebramos que este ano pasamos a barreira dos cen ilustradores profesionais asociados procedentes de todos os rincóns de Galicia”.