A estatística da produción editorial publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE) constata un incremento do 2,3% nos títulos editados en 2010 en España con respecto ao ano anterior, pero con tiraxes máis reducidas. Así, a produción editorial acadou os 132,1 millóns de exemplares editados, fronte aos 183,9 millóns en 2009, o que supuxo un descenso do 28,1 por cento.
No que respecta ás obras editadas en lingua galega, en 2010 baixou un 12,6% o número de títulos, o que a sitúa como quinta comunidade autónoma en volume de produción editorial. Publicáronse un total de 2.778 títulos dos 76.206 editados en España.
As comunidades autónomas con maior produción editorial durante 2010 foron Madrid (con 24.999 títulos editados, un 4,3% máis que o ano anterior) e Cataluña (con 20.533, un 1,6% menos). O castelán representou o 78,8 por cento do total de títulos publicados (un 4,19% máis que en 2009) e o 79,9% dos exemplares editados no ano 2010. O 10,4% dos títulos foron editados en catalán, valenciano e balear; o 1,9% en galego e o 1,1% en éuscaro.
As publicacións infantís e xuvenís alcanzaron o 3,7% do total nas edicións en castelán; o 11,0% en catalán, valenciano e balear; o 15,2% en galego, e o 24,9% en éuscaro.
Pode accederse á nota de prensa do INE aquí (PDF, 76 Kb).