Deseño e ilustración do cartel: Bernal Prieto
Despois do éxito da primeira edición, chega o II Debate sobre o Estado da Ilustración, que organiza novamente a AGPI. Será o sábado 7 de xuño pola mañá, a partir das 10:30 h, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela). Este ano intervirán na mesa redonda os nosos socios Patricia Castelao, Leandro, Santy Gutiérrez e Dani Padrón, e de novo actuará de moderador e mestre de cerimonias Manel Cráneo.
O obxectivo é repasar os problemas que afrontan os profesionais do mundo da ilustración e tentar albiscar algunhas solucións colectivas, coa consciencia de que o simple acto de compartir información é xa un elemento importante a favor. Búscase que nesta ocasión o debate sexa máis áxil, de forma que o moderador irá suscitando temas, e o público poderá intervir desde o primeiro momento. O debate estará aberto a todas as persoas interesadas, e anímase a asistir a todos os ilustradores e ilustradoras, sexan ou non socios da AGPI.