Desde o pasado venres, 5 de xuño, vénse desenvolvendo nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña a terceira edición de Citinart.es, evento en que unha decena de contedores reciclados albergan traballos de máis de 40 artistas de diferentes disciplinas.
Un deles está ocupado pola nosa socia Irene Sanjuán, que desenvolve talleres abertos ao público, como o que impartirá mañá, venres 12, ás 19:00, sobre «Visual Thinking» para adultos. Aquí, un vídeo en que explica brevemente a súa participación.
O sábado, ás 12:00, haberá unha quedada Urban Sketchers co noso socio Eduardo Baamonde. Pola tarde, entre as 19:00 e as 21:00, o colectivo Miñoco (ao que pertencen varios dos nosos socios) organiza o Picnic & Draw, versión ao aire libre do Drink & Draw que desenvolven todos os meses. Neste caso, ademais dos xogos habituais relacionados co debuxo, haberá algúns novos (como debuxos en pratos e vasos de cartón, colaxes ou cadáveres exquisitos) e ofrecerase té e pastas, ao tempo que se convida a quen queira participar a levar tamén as súas propias bebidas e comida.