Ilustración galega na Feira de Boloña

Desde hoxe ata o xoves, 2 de abril, ten lugar na cidade italiana de Boloña a Fiera del Libro per Ragazzi, de singular importancia para o mundo da ilustración, especialmente a ligada á literatura infantil e xuvenil.

Novamente, o posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica un espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI. Nesa parte do stand está a proxectarase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e hai acceso a exemplares do Caderno AGPI 2015 e mais do catálogo exprés preparado ex profeso para esta edición da feira. Varias das ilustracións dese catálogo, ampliadas, forman parte do deseño do stand, e ademais expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Así, haberá obras de Almudena Aparicio, Rodrigo Chao, Manel Cráneo, Nuria Díaz, Matalobos, Paula Mayor, Kristina Sabaite, Marina Seoane e Manuel Uhía.

A feira terá tamén representación da FADIP e o EIF —co seu propio programa de actividades para estes días— a través do posto da Associazione Autori di Immagini (a asociación italiana de ilustradores).

Compartir