Ilustración na Feira do Libro da Coruña

Desde hoxe ata o día 10, nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña decorre a Feira do Libro. No programa deste ano, haberá varias actividades relacionadas con obras ilustradas dos nosos socios.

Así, mañá, día 2, David Pintor asinará exemplares dos seus libros a partir das 19:00 h; o domingo, ás 13:00 h, presentarase o álbum ilustrado …3, 2, 1… de Pepablo Patinho e Dani Padrón. O día 5, ás 13:00 h, o álbum O libro dos bicos, de Xosé Luna e Nuria Díaz.

Migallas Teatro actuará o mércores 6 ás 20:00 h, presentando Pan de millo, e despois María Campos, Carlos Yus e Dani Padrón asinarán exemplares do libro-disco. Á mesma hora, Xosé Tomás asinará exemplares do libro Verdedades, realizado xunto a Yolanda Castaño.

O día 7, ás 13:00 h, haberá un obradoiro creativo impartido por Santy Gutiérrez destinado a rapaces e rapazas de 7 a 15 anos, e ás 20:00 h Xosé Cobas asinará exemplares dos libros A pantasma da Casa da Matanza, con Miro Villar, e Paxaro de mar e vento, con Tucho Calvo.

O próximo venres, día 8, Kike J. Díaz asina ás 20:00 h o seu cómic Nordés. O sábado, ás 13:00 h, Paula Carballeira e Xosé Tomás presentan o libro A Burra Ramona, con sesión de ilustración e contacontos.

Finalmente, o domingo, día 10, ás 21:00 h, presentarase o libro La oruga en el bosque creciente/The Caterpillar in the Growing Forest, de Antonio Seijas, baseado nun conto de Ramón Loureiro.

Pode accederse á programación completa nesta ligazón.

Compartir