Ilustración no Culturgal

Desde mañá, venres 2 de decembro, ata o domingo, desenvolverase en Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. O envento, de entrada gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra). A AGPI estará presente cun stand en que se mostrarán as nosas publicacións —e a través delas o traballo dos nosos socios— e se facilitará información sobre as nosas actividades. No stand, que foi aberto á realización de actividades por parte dos socios, estarán dous deles: o domingo día 4, Mariano Casas presentará e asinará as súas últimas publicacións, entre as 12:00 e as 13:00 h; despois, Kristina Sabaite asinará tamén os seus libros, entre as 13:00 e as 14:00.

Por outra parte, entre as actividades de Culturgal hai varias relacionadas coa ilustración. Así, mañá, día 2, ás 19:30, haberá unha «Conversa co Colectivo Polaqia», representado por Brais Rodríguez e Sergio Covelo. Ambos serán entrevistados pola xornalista da Radio Galega Ana Romaní. Brais asinará tamén exemplares do seu álbum A man do diaño na zona de libraría da feira a partir das 20:00 h.

Xosé Tomás presentará dúas obras; a primeira delas, o sábado ás 13:00, xunto con María Solar, autora dos textos do libro infantil Vou ter un irmán!!! A segunda, o mesmo día, mais ás 18:00: a súa novela gráfica Nómades.

A serie Os Megatoxos e mais a novela A chave da Atlántida terán tamén presentacións da man do seu autor, Anxo Fariña, o sábado a partir das 18:30 h.

Finalmente, Tokio visitará tamén a feira para asinar exemplares do seu libro Cabana de Balieiros, na zona de libraría do Culturgal mañá venres ás 18:00 h.

Compartir