Como adiantabamos ao anunciar o novo curso AGPI (que traerá a Santiago a José Luis Ágreda para falar sobre entintado manual e dixital), este sábado, 6 de abril, a partir das 23:00 h chegará tamén o segundo IlustraNoite, que fará de peche da xornada, organizado igualmente por AGPI.
O IlustraNoite segue un formato 20 × 20, é dicir, cada convidado presenta 20 imaxes e dedícalles 20 segundos a cada unha delas. Nesta ocasión, a tarefa de comisariado recaeu sobre Óscar Villán —tamén autor do cartel—, que escolleu oito autores: Nuria Díaz, Mariano Casas, Fran Bueno, Jorge García, Diego F. Goberna, Jose L. Serrano Silva ‘Arteaga’, Yago García e Minia Regos.
Trátase dun espazo informal de intercambio e contacto directo con outros colegas de profesión. Nesta ocasión, terá lugar na Cantina Galopín (rúa Fernando III o Santo 1, 15701 Santiago de Compostela), e a entrada será libre e gratuíta.