In Memoriam: Will Eisner

Homenaxe a Will Eisner (Manuel Lariño) Nota: Santy Gutiérrez
Ilustración: Manuel Lariño

O 3 de xaneiro de 2006 cumprirase o primeiro aniversartio da morte do gran mestre de debuxantes William Erwin Eisner, que faleceu á idade de 87 anos por unha insuficiencia cardíaca.

A obra deste autor é inmensa, cuantitativa e cualitativamente, e serviu de escola a xeracións de profesionais do debuxo. Pero non só o resultado do seu traballo é admirable, senón tamén o modo en que logrou exercelo: dende que os seus primeiros traballos profesionais fosen publicados á idade de 19 anos na revista WOW, What a Magazine!, ata a súa última obra, a novela gráfica publicada no ano 2003, Fagin the Jew (Fagín o xudeu), transcorreron nada menos que 67 anos. 67 anos de vida profesional, que nin sequera a II guerra mundial logrou interromper cando Will Eisner foi chamado a filas, pois en pleno conflito seguiu debuxando carteis e historietas para entreter aos seus compañeiros de filas. Todo un exemplo de tesón, dedicación e amor ao medio que quen intentamos dedicarnos a este difícil oficio deberiamos imitar.

Na AGPI quixemos render homenaxe a unha vida adicada á historieta, debuxando versións persoais do seu personaxe máis coñecido: The Spirit. Aquí podes ver os traballos dos socios: Homenaxe a Eisner.

Grazas Will.

Compartir