IX Concurso Galego de Caricaturistas Noveis

A Casa da Xuventude de Ourense, como achega á IX Bienal da Caricatura, que organiza conxuntamente coa Concellaría de Cultura de Ourense, convoca o IX Concurso Galego de Caricaturistas Noveis, de acordo cos seguintes

R E G U L A M E N T O S

  • PARTICIPANTES
    Galegos e residentes en Galicia (14-30 anos).

  • OBRAS
    Cada autor poderá presentar o número de caricaturas que estime oportuno, sexa como retrato ou como viñeta de humor gráfico. Deberán ser orixinais, inéditas e non ter levado premio noutros concursos.
    Tamaños: mínimo DIN A4 (210 × 297 mm), máximo DIN A3 (297 × 420 mm). Técnica libre. Calquera personaxe pode ser obxecto das caricaturas, aínda que se valorarán especialmente os do mundo cultural, político ou social de Galicia. Se as obras fosen impresións dixitais xuntarase arquivo en formato jpg.

  • ENTREGA
    Na Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro 27, 32004 Ourense, antes do 15 de xaneiro de 2008. As obras traerán ao dorso o título e un lema, e virán acompañadas dun sobre pechado no que figurará o mesmo lema no exterior, e dentro o título ou relación deles presentados, os datos do autor e unha fotocopia do DNI, así como teléfono de contacto.

  • PREMIOS
    Premio á mellor colección (6 caricaturas): 800 euros.
    Catro Premios ás mellores caricaturas, de 250 euros cada un. Un deles, como mínimo, será destinado a viñeta de humor gráfico. Si se declarase deserto este apartado, o seu importe pasaría a outro premio de caricatura.
    Cada autor só poderá levar un premio.
    O xurado poderá declarar deserto un ou varios destes premios.

  • EXPOSICIÓN
    Cos premios e unha selección das obras presentadas farase unha exposición na Casa da Xuventude de Ourense, durante o mes de marzo de 2008.

  • PUBLICACIÓN
    Os organizadores resérvanse a posibilidade de publicar as obras presentadas.

  • DEVOLUCIÓN
    Unha vez rematada a exposición e aqueloutras que poidan xurdir devolveranse todas as caricaturas aos seus autores nun prazo máximo de tres meses, se estas fosen orixinais.

  • ÚLTIMA
    A presentación ao concurso supón a aceptación destes regulamentos.
Compartir