Javier Sáez Castán foi galardoado onte co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2016. Outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas», está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu a Sáez Castán «pola súa creatividade e talento narrativo que implica a dimensión obxectual do libro; pola súa capacidade para construír mundos e contaxialos; pola calidade das súas obras, moitas das cales son grandes clásicos contemporáneos de dimensión internacional, e pola súa xenerosidade como formador».
Castán (Huesca, 1964) é ilustrador e escritor especializado en libros para nenos. Iniciou a súa carreira no campo da publicidade e traballando como ilustrador para institucións como a Universidade e o Concello de Alacante e empresas de publicidade. As súas obras teñen recibido numerosos premios e distincións, entre os que destacan o de Mellor Libro Ilustrado na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de México en 2004 e o de Mellor Libro do Ano do Banco del Libro de Venezuela en 2005 pola súa obra Animalario universal del profesor Revillod.
O xurado, presidido por José Pascual Marco, director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, estivo composto por Mónica Fernández, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas; Carmen Marcos, designada por APIC; Aitana Carrasco, por APIV; María Pascual de la Torre, por APIM; Jacobo Fernández Serrano, por AGPI; Ana González Lartitegui, por Euskal Irudigileak; Iratxe López de Munain, por FADIP; Antonio Seijas, pola OEPLI; Estrella de Diego, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; María del Rocío Martínez, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Rafa Vivas, polo Ministro de Educación, Cultura e Deporte; e a galardoada na pasada edición, Elena Odriozola.